Santiago salienta o vínculo de Luísa Villalta coa cidade para festexar o Día das Letras
Santiago
Programa unha campaña nas redes con versos da autora, un recital, teatro e paseos guiados
14 May 2024. Actualizado a las 04:55 h.
«Andei por Santiago / pisando estrelas / na noite / que as rúas devolveron / con luces e clamores / secretos na noite. / Andei por Compostela / coa pel das pedras orceladas / a Rúa das Hortas / onde descansan os arcanos / na noite». Estes versos de Luísa Villalta de «Música reservada» serven de base para a campaña impulsada polo Concello de Santiago para celebrar o Día das Letras Galegas e enxalzar a figura da autora homenaxeada.
Para desenvolvela, desde o pasado venres están nas rúas unhas estrelas co texto «Andei por Santiago / pisando estrelas», ao que desde o Concello lle engade «e ti?» para implicar ao conxunto da veciñanza a que publiquen nas redes sociais unha imaxe dun lugar de Compostela onde utilicen os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido. Entre todas as persoas participantes sortearanse dez lotes de material cultural. O Concello, ademais, inaugura con esta campaña a súa nova conta en Instagram.
Unha actividade na que tamén queda patente a vinculación importante que Luísa Villalta tivo con Santiago, incidiu a alcaldesa, Goretti Sanmartín na presentación. Pero haberá máis actividades. O xoves, ás 11 horas, no Obradoiro, farán a lectura pública dunha declaración institucional. Ademais de membros da corporación participarán as escritoras Marga Romero e Esperanza Mariño, que lerán unha escolma da obra poética de Villalta.
Tamén están programados paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua cunha ducia de paradas. Para participar hai que anotarse na web do Departamento de Lingua. Non faltará o teatro. O xoves e o venres, ás 20.30 horas, recalará no Principal «Made in Galiza» a cargo de Sarabela Teatro sobre o texto de Séchu Sende. Nela ofrécese unha reflexión sociolingüística en clave de humor. O relevo sobre as táboas tomarao o día 18 o recital multidisciplinar «Ritos de resistencia» con poesía, música e imaxe cos poemas de Luísa Villalta como eixo vertebral. Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga e os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares. Os convites pódense retirar na Zona C, en compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal.
Teatro en Melide
O teatro é a disciplina que elixiu o Concello de Melide para achegar a lingua propia ao alumnado dos diferentes centros educativos da localidade, Tras a posta en escena, onte, de «E entón, un xardín» para os alumnos de Infantil e para os de primeiro, segundo e terceiro curso de Primaria, hoxe serán os dos tres últimos cursos desa última etapa quen asistan á representación de «As palabras perdidas». Finalmente, o alumnado do IES presenciará o xoves a posta en escena de «Chulísima».
Conferencia a cargo de Álvarez Cáccamo
O Ateneo adiantouse á celebración das Letras dedicándolle a sesión deste luns á autora homenaxeada. O escritor Xosé María Álvarez Cáccamo foi o encargado de achegar a figura de Villalta: «A beleza de Luísa emanaba de dentro, era a beleza da intelixencia», afirmou.