La Voz de Galicia

Cidade rica en pan e en latín

Santiago

Xesús Alonso Montero

19 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que a primeira pregunta dos lectores será: pode haber algunha cidade no mundo «rica en latín»? Tales lectores saben moi ben que hai cidades, e comarcas, ricas en pan (millo, centeo…), pero non saben, nin entenden, que unha cidade de hoxe, na que xa non se fala a vella lingua do Lacio, sexa rica en latín. Pois haina e chámase Mondoñedo, patria de Álvaro Cunqueiro.

E foi Cunqueiro, no ano 1955, quen inventou e asinou esta descrición no índice onomástico daquel libro maxistral que titulou Merlín e familia, descrición que, un pouco abreviada, figura, desde 1991, gravada na Fonte Vella mindoniense nestes termos: «Mondoñedo: cidade onde naceu o señor Cunqueiro. É rica en pan, en augas e en latín».

Cónstame que algúns visitantes moi letrados, vidos de Barcelona, de Roma, de París, de Oxford, por devoción ao xenio literario do señor Cunqueiro, regresan ás súas cátedras e ás súas bibliotecas sen teren unha resposta axeitada. Abraiados, mesmamente, de que exista, nalgunha parte, unha cidade rica en latín.

Cando Cunqueiro redactou este enigmático retrato de Mondoñedo, estaba no seu esplendor como profesor de Latín no seminario da cidade don Francisco Fanego Losada (1887-1974), un caso insólito no gremio dos latinistas. Conta o propio Cunqueiro (en catro artigos e nun discurso académico) de don Francisco que, cando impartía clases, as súas palabras, que eran as de Virxilio e Cicerón, chegaban de tal xeito á praza contigua do mercado que os carboeiros deixaban, por momentos, de vender, e, cando saía da aula, levaban as súas mans «tisnadas», moi respectuosos, á pucha. Eran, como na famosa traxicomedia de Valle-Inclán, as «divinas palabras».

O latín, pois, impregnaba os traballos e os días da cidade de Mondoñedo.


Comentar