Unha aplicación permite visitar o Museo do Pobo Galego da man de Rosalía e Castelao
Santiago
PoboAR é unha aplicación de realidade aumentada realizada polo alumnado do obradoiro de emprego Appventurers
02 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Percorrer e explorar virtualmente o Museo do Pobo Galego, e facelo ademais da man de Rosalía de Castro e Castelao, é posible dende onte grazas á aplicación deseñada e desenvolvida polo alumnado do obradoiro de emprego Appventurers. A concelleira compostelá de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou onte a aplicación, que está «pensada para outorgarlle valor engadido á visita ao espazo expositivo». Na presentación tamén participaron o director do Museo, Manuel Vilar, o seu sucesor, Lois Ladra, e dous dos participantes no obradoiro.
María Rozas explicou que PoboAR é unha aplicación de realidade aumentada, que procura facer a visita ao Museo do Pobo Galego «máis educativa e inmersiva». Para utilizala é preciso descargar a app móbil, dispoñible para Android, e escanear os pictogramas que xa están instalados nas diferentes salas do museo. En cada unha delas, a aplicación fará aparecer a Rosalía de Castro ou a Castelao, que serán os encargados de explicar diferentes cuestións de cada un dos espazos expositivos. Para mellorar a experiencia, recoméndase o uso de auriculares, e a aplicación está dispoñible en galego, castelán, francés e inglés.
Manuel Vilar, asegurou que os museos «teñen que avanzar» e destacou o interese que reside nesta iniciativa. Segundo explicou unha das artífices de PoboAR, Sara Cernada, o funcionamento é intuitivo.
Outros proxectos
A aplicación PoboAR foi creada polo alumnado do Obradoiro de emprego Appventurers do Concello de Santiago, no que participan 16 mozos e mozas menores de 30 anos que reciben formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. O programa combina a formación co traballo, de maneira que o alumnado recibe formación ao tempo que está contratado para realizar un traballo real. Ademais da aplicación móbil de realidade aumentada sobre o Museo do Pobo Galego, estase a traballar en aplicacións similares sobre a Praza de Abastos e a senda peonil do Sar.