Xosé Luís García, alcalde de Brión: «Para servir a Brión, eu ofrezo a miña experiencia a quen quede de alcalde»
Brión
O rexedor vaise logo de 41 anos por motivos familiares graves: «Voume emocionar no pleno, levo noites sen durmir»
02 Oct 2020. Actualizado a las 22:35 h.
Nas terras nas que se veneran os restos dunha nena mártir, santa Minia, a finais dos anos 70 formouse unha candidatura de mozos galeguistas de esquerdas que aspiraba a formar parte da primeira corporación democrática de Brión. «Non aspirábamos máis que a ter dous ou tres concelleiros, e gañamos. Foi unha sorpresa», recorda o número un daquela lista, Xosé Luís García García (Brión, 1953). A sorpresa repetiuse once veces máis, ata o de agora, cando o primeiro alcalde democrático en activo en Galicia deixa o cargo por razóns familiares. Aínda que é unha decisión meditada, recoñece que lle vai custar: «Voume emocionar no pleno, levo noites sen durmir».
—Leva noites sen durmir vostede, que no 23F foi ameazado de morte e durmiu igual... Conte como foi ese episodio.
—Cando á unha da mañá ía para casa, logo de pasar todo o día no concello, sentín as metralletas detrás de min. Era o comandante do posto da Garda Civil e outro axente, que me din que os acompañe. Eu dixen que non, e pasou un concelleiro que, vendo o que pasaba, díxolles que se me levaban a min, tamén o tiñan que levar a el. Logo dun tira e afrouxa, o comandante acordou: “¿Qué más nos da matarlo esta noche que mañana?” E a cousa, afortunadamente, quedou en nada. Medo? Nese momento si, pero agora recórdoo como unha anécdota.
—Presentáronse varias veces como Candidatura Galega Independente, pero eran, e son, de esquerdas. Había medo aínda a ir nunha lista de esquerdas?
—Non, nós definíamonos como galeguistas. E digo definiamos porque hoxe non me gusta a palabra. Desde que Feijoo dixo que era galeguista, eu xa non digo que o son. E si, éramos de esquerdas e seguimos séndoo por riba de todo.
—Ata que o PSOE, na época do bipartito, fíxolle unha oferta e non puido dicir que non.
—Non foi exactamente así. Desde o primeiro día, o PSOE andou detrás de nós.
—Só o PSOE?
—Non, non só. E nós tamén sempre nos deixamos querer. Cando un empeza pensa que vai cambiar o mundo, pero decatámonos de que sós non podíamos. E logo tivo que ver a miña amizade persoal co actual alcalde de Santiago, con Bugallo, que a había, a hai e a seguirá habendo, e que insistiu moito. Aquí fixérase unha enquisa na que se lle preguntaba á xente a quen votaba, e a xente contestaba que á Candidatura Galega Independente, e para as autonómicas e xerais contestaban o mesmo, aínda que nós non nos presentabamos. E, en efecto, gañabamos todas as eleccións. Pero había que tomar unha decisión, e o Partido Socialista era o que mellor nos representaba. Nós, as decisións importantes tomámolas sempre en asemblea, e fixemos unha para decidir se íamos co PSOE e sorprendeume que tivo o apoio do cen por cen. Pasámonos ao Partido Socialista por unanimidade. Nas primeiras eleccións puidemos perder un concelleiro ou dous, pero logo os recuperamos.
—Vótase á persoa?
—Si, votaban ás persoas e non ao partido.
—Ten carné do PSOE pero sempre dixo que, ante todo, era alcalde de Brión. Que pensa do decreto para ceder os remanentes municipais?
—Estou totalmente en contra, é unha aberración, porque son os nosos cartos e non hai unha xustificación. Non poden dicir que non se pode facer doutra maneira. Igual que se fixo unha lei, a lei Montoro, faise a contraria.
—Foi a primeira Administración galega en empregar o galego?
—Si, fixemos sempre as actas en galego e ata nos deron un premio, o Lois Pena. E nunca tivemos problemas por iso, facíase con naturalidade.
—As primeiras viaxes da terceira idade as fixo Brión?
—E a festa dos vellos, que antes a chamabamos así. Agora somos moi finos e hai que chamala da terceira idade. Daquela non había Imserso nin se sabía o que era, pero nós, como todo o facemos así, para que non saíra caro, soubemos que o Exército vendía un autobús e comprámolo, e facíamos viaxes todas as fins de semana, a distintos sitios e cada semana unha parroquia.
—Vostede ía sempre?
—Eu creo que menos unha vez, fun a todas.
—Por que cre que os veciños confiaron en vostede máis de catro decenios?
—Nada tería sido posible se non houbera desde o principio unha complicidade entre os veciños e o goberno municipal. Pero eu quero tamén ter un especial recordo para os concelleiros que xa non están entre nós, e tamén para os que formaron parte das distintas corporacións municipais, porque todos traballaron. E tamén para familia, que lle quitei moitas horas. Ese é o motivo de deixalo, que agora xa non podo dedicarlle todo o día ao concello.
—Esa relación tamén foi boa coa oposición?
—Tamén. Creo que en Brión non houbo un pleno que durase máis de media hora, por algo será. Pero o gran mérito é dos veciños.
—Será difícil marchar?
—Dóeme un montón ter que deixalo, pero o meu teléfono teno todo o mundo; e eu, para servir a Brión, ofrezo a miña experiencia a quen quede de alcalde, a quen o pleno decida.
«Antes estaba Pedrouzos, onde vivían os catro caciques. Hoxe, todas as aldeas teñen servizos»
Son tempos de balance, de volver a vistas atrás.
—Como era Brión cando vostede acadou a alcaldía e como é agora?
—Antes estaba Pedrouzos, onde vivían os catro caciques. Hoxe, todas as aldeas teñen servizos. Foi un cambio tremendo, aínda que eu sígome queixando porque os gobernos que tivo Galicia, e tamén os gobernos centrais, nunca fixeron moito polo rural. A ver se agora cambia isto coa pandemia.
—En todo caso, lograron que Brión fora un sitio cobizado para vivir. Non o levan con orgullo?
—Estamos moi orgullosos. A proba é que, sen pretendelo, conselleiros, médicos, profesores da universidade... son moitos os que viven aquí.
—Houbo ás veces que dicirlle que non aos construtores?
—Moitas veces, había que cumprir a norma e non había outra. E aínda así non paramos de medrar en habitantes.
—Vostede, que vén dos tempos da Transición, que pensa desta revisión que se lle fai agora?
—Como todas as cousas, hai que facelo con sentidiño, como se fixo nese momento. Se houbo catro tolos que non o fixeron así, afortunadamente, a maioría si o fixemos, e creo que falo desde a experiencia. Agora mesmo queremos sacar proveito político de todo, ata da pandemia. Antes había xenerosidade e lealdade. Hoxe, nin firmando papeis. Non hai palabra.