La Voz de Galicia

Pablo Lago: «Deixáronme unha pataca quente a unha semana de caducar un contrato do que levamos tres anos falando»

Brión

Marta Gómez Noia / La Voz Presidente de Serra do Barbanza

A mancomunidade terá que negociar con FCC a prórroga da concesión do lixo

24 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Lago, alcalde de Brión, non se esconde ao admitir que preferiría non ter que asumir a presidencia da mancomunidade Serra do Barbanza, sobre todo cando esa responsabilidade chega no momento no que o contrato con FCC para a recollida e xestión do lixo na planta de Servia toca ao seu fin. Porén, asume o papel que lle toca e nesta nova andaina avoga polo diálogo coa empresa e o consenso para sacar adiante as importantes cuestións que ten entre mans a entidade.

—Coa caducidade da concesión, é un momento crucial para a mancomunidade e a planta, deu xa FCC unha resposta á proposta de dous anos de prórroga?

—Cólloa nun momento crucial pero é importante saber que o presidente non ten a potestade de tomar decisións. As decisións tómanse na asemblea. FCC dixo xa que non acepta a prórroga nas condicións que lle propoñemos, polo cal o contrato tense que ampliar obrigatoriamente porque é un servizo esencial. Neste sentido, a xente pode estar tranquila porque non se vai deixar de recoller o lixo e todo vai seguir funcionando. A diferenza é que, unha vez acabado o contrato e deixando claro que o luns van seguir recollendo porque teñen a obriga de facelo, haberá que chegar a un acordo na contía económica que vai haber que pagar. Isto é así porque o contrato ten que ser prorrogado nas mesmas condicións nas que está, non se pode facer unha modificación. Agora o que hai que facer é sentarnos con FCC e tomar as decisións correctas. E FCC terá que aumentar a contía que recibe pola recollida.

—Historicamente ten habido moitas tensións coa empresa, como é a relación agora? Está prevista algunha reunión?

—Teño previsto reunións para falar con FCC, o que pasa é que acabo de coller isto, deixáronme unha pataca quente a unha semana de caducar un contrato sobre o que levamos tres anos reuníndonos todos e nunca chegamos a ningún consenso. O primeiro que farei é escoitar a FCC e despois plantexar na asemblea cales son as propostas da empresa e cales as nosas. E, se non damos chegado a un acordo, deixo a presidencia como Pablo me chamo.

—Lévase anos avisando de que se achegaba o final da concesión e que había que tomar unha decisión, pero esta chega sobre a bucina, por que non se actuou con máis axilidade?

—Porque aquí se fixeron mal as cousas dende fai anos. Non se lle pode botar a culpa a ninguén en concreto, pero vivimos ancorados no pasado, nas cousas que se fixeron mal en vez de pensar cal é a maneira de resolver a problemática que temos con FCC. Eu penso que temos que facer borrón e conta nova e centrarnos nas problemáticas que temos: as débedas con FCC, arranxar o problema da cesión dos terreos e facer uns pregos novos para sacar o servizo a licitación, mirando sempre que isto sexa viable, que a Xunta nos dea a autorización para aumentar os vasos e saber cal vai ser o tempo efectivo desa recollida húmido/seco.

—Aclarou definitivamente o ministerio se é ou non viable o modelo húmido/seco coa nova norma europea?

—A min persoalmente non. O que si sei é que Europa di que este modelo non vai ter cabida nuns anos, pero a planta si pode ter cabida e ser reorientada a facer outras cousas. Se Europa di que isto non vai adiante, teremos que reconverter a planta porque é importante manter os postos de traballo.

—Que outra cuestións son prioritarias para a mancomunidade neste momento?

—Outro problema é que a balsa se está esgotando, co cal, se temos que ir verter a outro sitio, vaise ver incrementada o custe para os concellos. Pero a xente pode estar tranquila porque non se vai deixar de recollerlles o lixo, e os traballadores tamén porque non se vai botar a ninguén.

«A mancomunidade tense que profesionalizar, ten que haber un xerente e un órgano de goberno»

Aínda que os estatutos establecen unha presidencia rotatoria entre os alcaldes que integran Serra do Barbanza, desta volta a elección do rexedor que se poría á fronte da entidade suscitou un debate que tamén serviu para pór de novo sobre a mesa a necesidade dunha xerencia que se encargue da mancomunidade.

—Había varias posibilidades para ocupar a presidencia, houbo moito debate interno?

—Houbo un alcalde que dixo que non lle parecía normal cambiar a presidencia a unha semana de caducar un contrato de vinte anos. Houbo outros que dicían que o normal era que a lista seguira adiante e outros, que o era que volvera para atrás, porque eu renunciara unha vez. Eu o que propuxen foi que, se había alguén que se sentira con máis forzas ca min e con ganas, debido a que eu na situación que estou agora non teño tempo, collera a presidencia. A alcaldesa de Muros estaba polo labor, pero o consenso non foi ese. Uns dicían que por quenda lle tocaría a Lousame, pero a rexedora dixo que non por motivos persoais que todos entendemos, e defenderon que o normal era volver atrás para que asumira Brión a presidencia.

—Tense falado moito da necesidade de contar cunha xerencia e persoal técnico permanente na mancomunidade, vai apostar por levalo a cabo durante a súa quenda na presidencia?

—Unha das propostas do alcalde de Ames na última reunión, e que eu levo facendo estes tres anos, é que a mancomunidade tense que profesionalizar: ten que haber un xerente, unha secretaría e un órgano de goberno. Calquera de nós temos bastante co que temos nos nosos concellos. Se seguimos entrando a gobernar un ano ou dous, cando nos poñamos ao día de todo xa temos que deixar o cargo. Alguén pensa que así imos a algures? De aí vén gran parte da problemática que temos: isto ten que estar xestionado por un xerente, non por un presidente.


Comentar