Manselle e Dodro ensalzan a vida e obra de Anxo Angueira
Dodro
Para o veciño, escritor e académico a homenaxe popular foi «a máis alta honra que se pode recibir»
03 Aug 2024. Actualizado a las 17:03 h.
O mar botou por fóra e a marea levou ata o souto de Manselle na tarde-noite do venres a veciños desta aldea de Dodro e de todo o concello para asistir á homenaxe popular que lle quixeron dedicar ao escritor Anxo Angueira, pola súa recente entrada na Real Academia Galega. No souto estivo envorcada toda a aldea cun veciño para o que xa non quedaron palabras para mostrarlle o seu orgullo, admiración e agradecemento por non esquecerse nunca das súas raíces, do seu lugar natal, xa sexa como persoa nada no lugar, como escritor recoñecido, como presidente da Fundación Rosalía de Castro e agora tamén como académico de número da Real Academia Galega.
Foi Anxo Angueira o que pechou o emotivo acto, emocionado tamén el, e que contou coa actuación musical do singlar grupo de rock de Dodro Pecha a cansela que, na voz de Martiño Rivo, interpretou versos de Eusebio Lorenzo Baleirón e de Anxo Angueira. O concelleiro Xoán Xosé Vicente fixo de condutor da homenaxe e, dende un principio, deixou ben claro que era un acto sen invitacións que partía do pobo, dos veciños e amigos de Anxo Angueira e evocou a construcción do mítico valo de Manselle cando dixo aquilo de que «por que non o facemos nós». E sí, fixérono eles, como hai medio século os veciños levantaron coas súas mans o valado.
Tras Xoán Xosé Vicente interviu a veciña de Manselle Rita Bugallo, licenciada en Filoloxía Galega e profesora de IES na Pobra do Caramiñal, quen festexou a entrada de Anxo Angueira na Real Academia Galega e desexou que non se tarde moito tempo en celebrar que se convirta en presidenta da institución. Bugallo falou de como se decatou realmente de quen era o Joselito do que oía falar na casa. A el, a Anxo Angueira, e a seu pai atribúelles o mérito «do que son eu»; de que se encamiñase polos estudos de Filoloxía Galega e está convencida de que Manselle é a aldea que máis filólogos ten per cápita, así como tamén embarcacións tradicionais. E todo iso, asegurou Rita Bugalo, é culpa de Anxo Angueira.
Bugallo tamén rememorou como xermolou a idea de construir o valado, coas mans dos veciños, sábado a sábado, o que deu a pe ao libro de Anxo Angueira O Valo de Manselle que, supuxo, dixo a veciña de Manselle, que «nos colocou a todos no mundo da literatura». Rita Bugallo lembrou o acto celebrado en Padrón para festexar a entrada de Angueira na RAG e está segura de que ningún outro membro tivo esa mesma entrada. En calquera caso, sexa o Anxo escritor, académico, veciño ou amigo, «sempre está disposto a axudar e segue a ser ese rapaz de aldea que non esquece a aldea». Por iso, conclueu a profesora, «os teus logros facémolos nosos».
Tras Rita Bugallo interviu o escritor e veciño de Laíño Manolo Lorenzo Baleirón, quen falou de que a obra de Anxo Angueira é como un miñato que describe círculos concéntricos no ceo. No máis grande deles está Galicia e no máis pequeno Manselle, dixo. Lorenzo Baleirón asegurou que Manselle é unha referencia constante na obra de Angueira, pero a marca de auga é, sen dúbida, a lingua que emprega. «É cultisíma; herdeira dos cancioneiros populares, cun pouso patrimonial como non se viu en ningún outro escritor e iso entra con el na RAG», asegurou Lorenzo Baleirón. Este tamén lembrou que Anxo Angueira é «dos máis grandes dinamizadores da nosa lingua» e agradeceulle o seu traballo para impulsar o premio de poesía que leva o nome do seu irmá, Eusebio, así como que sempre lle dera a leer as súas creacións antes de publicalas. Entre elas, mencionou o libro Pensa Nao, que Manolo Lorenzo Baleirón calificou como «un dos mellores libros que se escribiu en galego; unha obra fundamental, que o será sempre».
Pola súa banda, o xornalista e escritor Ramón F. Reboiras asegurou que a obra de Anxo Angueira reúne tres cualidades que a ensalzan: lingua, memoria e territorio. Con respecto a primeira, sinalou que é un autor que vai á raíz das palabras; en canto á memoria, sinalou a súa capacidade para reconstruir feitos pasados, entre os que mencionou a cooperativa leiteira que existiu en Dodro. Finalmente, sobre o territorio explicou que Angueira, como outros grandes escritores que admira, ten un territorio propio, no que se expresa e que enche de personaxes.
Para pechar as intervencións falou o homenaxeado quen, dende o principio, sinalou da alta honra que supoñía o acto organizado. »No meu interior sei que é inmerecido e, se o acepto, é porque o considero unha homenaxe múltiple e comunal, compartida con outras persoas», dixo un Anxo Angueira emocionado. Nesta liña engadiu que «se o meu peito non se encolle ou non reventa de emoción e resiste tanta amistade e afecto é porque esta homenaxe tamén é para Manselle e Laíño». Na súa vida na aldea lembra con especial cariño aquela xuntanza na que se fraguou a construcción do valo, así como os posteriores traballos para a súa construcción, sábado a sábado e a man. Neste senso, Angueira asegurou que o valo supuxo a transformación da aldea e, no seu caso, «a máis grande satisfacción que nunca coñecín e na que participei porque foi a unión dos veciños para un proxecto común». O homenaxeado mencionou a moitos veciños, vivos e mortos, que fixeron posible ese valo e mesmo a un deles que aínda hoxe asegura que é preciso amplialo en 40 metros. Tamén lembrou esa frase que xa queda para a historia de Manselle e de Dodro, de cando os veciños facían o valo e o resto do concello aseguraba, entre sorpresa, «e fano eles». Esa foi, precisamente, a primeira pedra do seu libro O valo de Manselle.
Para rematar, Anxo Agueira asegurou que a homenaxe popular na súa terra «fai que me sinta máis orgulloso das miñas raíces e da miña clase, que é a dun traballador», que sempre se sentiu á beira dos proxectos e espacios compartidos e dirixidos ao ben común. Por iso non dubidou en asegurar que a homenaxe dos veciños de Manselle e de Dodro «é a máis alta honra que se pode recibir».
No acto tamén se proxectou un video dedicado ao escritor, con declaracións de veciños e fotografías de momentos vividos por Anxo Angueira, tanto en Manselle como no seu papel de presidente da Fundación Rosalía de Castro, entre outros, editado pola fótografa de Dodro Antía Vicente e polo médico e tamén fotógrado de Manselle Eduardo Rivo. A actuación do grupo Pecha a Cansela pechou a homenaxe á que, ademais de veciños e amigos, asistiron autoridades como o alcalde de Dodro, Xabier Castro e o de Padrón, Anxo Arca. Non faltaron tampouco concelleiros de Dodro; o académico Xosé Luis Axeitos; o cura das tres parroquias de Dodro, Francisco Lampón; a familia de Anxo e mesmo o músico de Dodro Secho, entre un centenar de asistentes que acabaron a xornada compartindo unha cea ao aire libre no souto de Manselle.