La Voz de Galicia

O melidense José Manuel Adán vence no Campionato de Tirapedras

Melide

Na categoría de menores de 14 anos impúxose Paula Adán López

21 Aug 2024. Actualizado a las 05:05 h.

Un total de 83 persoas puxeron a proba a súa puntería na décimo sexta edición do Campionato de Tirapedras organizado onte en Melide. Unha cita na que participaron tanto veciños da localidade, como outros que pasan as súas vacacións na comarca ou que acuden expresamente para participar nesta proba organizada porla Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Este ano, o galardón quedou en Melide. O veciño da localidade José Manuel Adán Quintela foi quen se impuxo na categoría de adultos. Ao experimentado tirador seguíronlle a veciña de Pontevedra Cristina Cea Vázquez e o arousán Fernando Santaló Gómez.

Pola súa banda, na categoría infantil a gañadora foi Paula Adán López, de 12 anos e residente en Melide, ocupando o segundo lugar Cibrán Cea García, de 12 anos e tamén residente na localidade. O podio completouno Diego Ramos Maeso, de Santurtzi, da mesma idade.

Segundo explican desde a organización, dos 83 participantes deste ano, un total de 25 foron rapaces menores de 14 anos. Ademais, había 29 mulleres inscritas no evento.

De xeito paralelo, outros lugares do casco histórico da vila acolleron outros xogos tradicionais, como o da ra, o peón ou os zancos.


Comentar