La Voz de Galicia

David Varela, socio da Asociación Deportiva Cerne de Melide: «A proba é dura, vai ser unha constante subida e baixada»

Melide

NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

A segunda edición do Desafío BTT Os Dous Camiños ten tres percorridos

21 Sep 2024. Actualizado a las 20:45 h.

David Varela Sánchez (Melide, 1986) é socio da Asociación Deportiva Cerne e un dos organizadores do segundo Desafío Os Dous Camiños, que atrae a 450 deportistas de BTT e que recupera este sábado a proba suspendida polo mal tempo o primeiro domingo de maio.

—Como foi a experiencia da primeira edición?

—Foi realmente moi boa. O ano pasado non contabamos con tanta participación. Aquela situación deixounos moi bo sabor de boca e comezamos a pensar na segunda edición. Os deportistas levaban un tempo pedindo e iso nos animou moito. Pero non só en Melide, senón en todos os lugares onde imos representando ao noso club. A xente está desexando que se achegue a data da proba.

—Este ano tiveron o dobre de traballo ao suspenderse o evento en maio, non?

—Si, é como se tiveramos dúas carreiras no mesmo ano. Un temporal moi forte obrigounos a suspender esta segunda edición. Arruinou totalmente os nosos plans. Realmente é como se o organizaramos dúas veces. Ao suspendelo un día antes da data sinalada, xa fixeramos todos os sinais, tiñamos preparado a ruta e todos os voluntarios estaban preparados.

—Cantas persoas poden traballar para realizar esta proba?

—Estes días estamos a traballar entre dez e quince persoas coa sinalización e coa preparación do percorrido. O día da proba contamos tamén cuns sesenta voluntarios para cubrir todo o trazado.

—Alcanzou a organización o número de participantes desexado?

—Serán 450 os ciclistas de montaña os que completarán o percorrido. Todas as prazas xa estaban ocupadas hai vinte días.

—Por que 450?

—É o límite que nos marcamos por varias razóns. É unha cuestión de organización. Se aceptásemos máis ciclistas necesitaríamos moito máis persoal, medios e infraestruturas e iso é moi complicado. De todos os xeitos, o ano que vén imos tentar chegar aos 500 deportistas.

ADC

—Que agarda para esta segunda edición?

—Pois a consolidación definitiva da ruta. O primeiro ano inscribiuse moita xente porque era novidade. Pero cos 450 participantes que contaremos agora confírmase que o evento é un éxito. Iso nos motiva moito máis e para o ano aínda intentaremos facelo mellor. Cando traballas tanto e ves este resultado, a ilusión multiplícase. Ves que o teu esforzo ten recompensa. A idea principal é potenciar o ciclismo en Melide e ímolo conseguindo.

—Cantos quilómetros terán que percorrer os participantes?

—Haberá tres rutas. A curta constará de 35 quilómetros, a media será de 42 e a longa terá unha distancia de 60 quilómetros. A proba non ten carácter competitivo, pero entregarase un trofeo aos tres primeiros clasificados de cada ruta, tanto en homes como en mulleres.

—Como é o circuíto?

—É bastante complicado. Ten unha elevada pendente acumulada. Será moi duro, sen dúbida, será un rompe-pernas, unha constante subida e baixada, agás no tramo final que será un pouco máis soportable.

—Haberá moitas novidades no percorrido?

—A base é a mesma que o ano pasado. Ata o quilómetro 20 será máis ou menos o mesmo, e logo teremos algunhas pequenas variacións con respecto ao ano pasado, pero non serán moi determinantes. Consérvanse os puntos máis emblemáticos do circuíto.

—Que nivel se espera entre os participantes?

—Haberá deportistas importantes na proba e iso nos anima moito. A xente séntese moi identificada ao ver ciclistas que xa teñen un nome importante no mundo da bicicleta de montaña. Aos participantes gústalles ver este tipo de deportistas.

—Xa ten un favorito?

—Na proba longa gañou o ano pasado Diego Álvarez. Este ano volve participar e parece estar en boa forma. En todo caso, haberá ciclistas que van poñerllo moi difícil. O nivel é alto.


Comentar