La Voz de Galicia

Sara López, á fronte dun local que camiña cara o século en Melide: «O taberneiro segue sendo o que dá coas campás o sinal de defunto»

Melide

natalia noguerol melide / la voz

Na aldea xacobea de Furelos «A Taberna» continúa cunha actividade na que foi adaptando servizos ao paso do tempo, pero coa esencia de vello

20 Oct 2024. Actualizado a las 22:56 h.

É das poucas tabernas que quedan no rural. Cando menos, de Melide. E das dúas que sobreviven no núcleo no que se atopa, o emblemático de Furelos —a súa ponte medieval é unha das marabillas da arquitectura civil do Camiño Francés—, é a máis antiga. Cumpriu 60 anos no seu emprazamento actual, a onde os seus fundadores, Victoriano López e a súa muller Ascensión Cordido, a trasladaron dende unha primeira localización a menos de 50 metros de distancia. Alí, a dous pasos contados da igrexa da parroquia, xa estaba aberta cando Delmiro, fillo do matrimonio, naceu. Ten o home 82 anos, e calcula que o negocio familiar, ao fronte do que hai tempo xa está a súa filla Sara, camiña cara o século de historia. Se é que non o alcanzou.

O caso é que «A Taberna», que así se chama porque cando abriu era a que había, é reflexo do paso do tempo polo lugar. E non só polas instantáneas de escenas costumistas que amosan como era a vida en Furelos. Fotografías de veciñas e de veciños na malla, na matanza ou tirando do gando forman parte dun arquivo particular, con tamén retratos de ata oitenta paisanos, dos que «a maioría xa non están», lamenta Sara, autora das imaxes. Os cambios sociais marcaron a evolución das tabernas de aldea como a súa, onde, lembra, «me criei entre partidas de cartas. É —conta a muller— o que máis se bota de menos, e perdéronse porque quen xogaban era todo xente maior, e xa non hai».

O paso dos anos tamén se levou o ultramarinos no que se abastecía e «se fiaba» a toda a aldea. O servizo «foise desfacendo progresivamente, porque se agora vas a Melide tres veces ao día, antes íase tres veces ao mes, e a distancia é a mesma», explica a taberneira. Pese ao que foi quedando polo camiño, esta veciña de Furelos mantén co seu pai boa parte da esencia da taberna de vello, cando o establecemento era como un centro social no que se reunían os veciños «para tomar algo e para contar un conto, tamén as mulleres, que, aínda que non era o máis normal, viñan, ao igual que os homes, a xogar». Delmiro, conta a súa filla, «segue sendo o que toca coas campás da igrexa o sinal de defunto, e, ás veces, xa vou eu». Tamén a día de hoxe «aínda pon algunha vacina», unha práctica antes habitual que o home «aprendeu no hospital, porque miña avoa era diabética, e había que inxectarlle insulina mañá, tarde e noite», comenta Sara. Reminiscencia do pasado tamén é que «A Taberna» siga sendo o lugar de referencia dos carteiros cando teñen que entregar correspondencia, porque «aquí —explica— as casas non teñen número».

Delmiro e Sara tamén preservaron as raíces do negocio familiar na remodelación que lle fixeron á taberna, conservando a pedra e as vigas orixinais. E sen perder de vista os recordos, o negocio familiar adaptouse aos novos tempos cun servizo de cociña por encargo en senllos comedores privados que son unha homenaxe a Furelos, aos seus veciños, e á propia familia. As fotos que Sara López lles disparou aos seus paisanos forman parte da decoración, ao igual co mural en parede da ponte medieval da aldea, con firma do artista local Quiñoy, co vello banco e aveños de carpinteiro que foron de seu avó, e cas tallas feitas por Delmiro, que houbo un tempo no que compaxinou o traballo na taberna co de tallista. A imaxe do San Caralampio que se venera en Melide é obra súa.

 

Peregrinos e tamén veciños

Hai pouco máis dun lustro que os irmáns Sergio e Javier Torres lle deron a bendición á cociña de «A Taberna». Na súa visita a Melide para pregoar a Festa do Melindre, os chefs con Estrella Michelin inauguraban un dos comedores do establecemento, que ten consolidada unha clientela que «segue sendo de aquí, de Melide», apunta Sara López. Furelos non é allea ao fenómeno xacobeo, que é o que explica que este núcleo de non máis de medio cento de veciños tivese chegado a contar ata catro tabernas, e camiñe cara as seis vivendas turísticas. Sen embargo, «de xente do Camiño, o que pillo é a terraza, porque éntranme catro con mochila, e acabouse o sitio na taberna», sostén a muller, que, sen deixar de admitir que «o peregrino é unha fonte de ingresos importantísima», insiste en que «vivo da clientela de todos os días». Tamén como outrora.


Comentar