Ignacio Codesido, alcalde electo de Touro: «A miña fórmula é traballo, traballo e traballo»
Touro
O rexedor do PP revalidou a súa sétima maioría absoluta consecutiva, pese a ceder dúas actas
12 Jun 2019. Actualizado a las 05:00 h.
Ignacio Codesido é un dos alcaldes máis veteranos de Galicia. O vindeiro sábado comezará o seu sétimo mandato consecutivo como rexedor de Touro, de novo con contundente maioría absoluta. Nas últimas municipais, nas que tivo máis competencia ca nunca, revalidou esa hexemonía malia ceder dúas actas.
-Segue vostede imbatible. Sorprendido? Decepcionado?
-Decepcionado non. Os resultados son decisión dos veciños e veciñas de Touro. Estou satisfeito porque fomos quen de manter a maioría absoluta, co 54 % do apoio do electorado. Agradezo aos votantes o seu apoio e a todos os veciños e veciñas a súa participación.
-Que lectura fai desa perda de apoio electoral?
-O PP ten practicamente o mesmo apoio doutras citas municipais. Agora logramos o 54 % dos votos, e en 2015 obtiveramos o 59 %. Hai tamén que ter en conta a baixada do censo nos últimos catro anos en case 200 persoas. Este ano concorreron cinco listas, cando tradicionalmente presentábanse tres. Sorpréndeme máis a baixada en votos do Bloque e dos socialistas. O BNG perdeu un 40 % de apoio respecto ás eleccións do 2015, e o PSdeG, o 44 %. Todos eses votos, xunto cos veciños que non votaron hai catro anos e si o fixeron agora, foron os que impulsaron a lista da Marea Veciñal. Por circunstancias da alta participación e da presentación de cinco listas, o PP perdeu dúas actas. Creo que non mereciamos este resultado. É un castigo demasiado forte respecto da porcentaxe de votos que obtivemos.
-E como logra manterse no cargo tantos mandatos consecutivos?
-Non hai segredo. A xente de Touro é a que ten a palabra. Os veciños queren estabilidade. Eles depositan a súa confianza na miña persoa, e trato no día a día de estar á altura das súas expectativas. A miña fórmula é sinxela: traballo, traballo e traballo. Teño a mesma ilusión de hai 25 anos.
-Pasoulle factura o proxecto para reabrir a mina?
-Creo que non. Nas parroquias que poderían estar máis afectadas pola mina, que son Touro e Loxo, mantivemos o mesmo apoio que noutras citas electorais municipais. O proxecto da mina foi motivo para atacar sen argumentos ao equipo de goberno do Concello de Touro. Trataron de poñer á xente contra o goberno municipal, e á vista está que non o conseguiron.
-Ten vostede máis edís na oposición ca nunca. Iso é unha motivación ou unha preocupación para o mandato?
-Nin motivado nin preocupado. Iso que comenta non é de todo exacto, porque nalgún outro mandato, concretamente en 1999 con Democracia Galega, tiña na oposición seis concelleiros dun total de trece actas.
-Que retos ten Touro no mandato que está a piques de estrear?
-Preocúpanme as persoas que viven no concello de Touro, sobre todo a xente nova que non ten traballo e os nosos maiores. Os retos están en crear as condicións económicas e laborais para que a xente que non ten traballo poida atopalo e para que os maiores conten cos mellores servizos dentro das nosas posibilidades. Seguiremos traballando por manter e mellorar o benestar da xente do concello de Touro.