Luís Iglesia: «O comisario Fortes vai caer menos simpático que Carmelo Matalobos»
Sociedad
«'A Estiba' gústame moitísimo e esteticamente é un paso importante», asegura o actor Luís Iglesia
29 Sep 2019. Actualizado a las 05:00 h.
O segundo capítulo de A Estiba chega esta noite ao horario de máxima audiencia de TVG cos primeiros días de Manuela Fortes como nova comisaria de Ardora. A súa misión non será doada. Non só terá que encargarse da tripulación acribillada do Delta, senón tamén dos asasinatos no hospital da única testemuña do caso e dun policía. Mentres, dentro da comisaría aparecen voces contrarias á súa xestión. Despois do abrupto final do primeiro episodio, a mirada dos espectadores seguirá de preto ao comisario Emilio Fortes. O actor Luís Iglesia xa percibiu esta semana pola rúa que a súa personaxe non deixou indiferente ao público que viu este thriller de Voz Audiovisual.
-Ao principio do capítulo os espectadores creron que, despois do xefe dos narcos en «Matalobos», era vostede o bo da serie. Que equivocados estaban!
-Na serie vaise ver que nin o bo é tan bo nin o malo, tan malo. E tamén vaise demostrar como están engarzadas as distintas familias da serie, que aí tamén hai moito de onde tirar. A miña personaxe mantén unha relación moi distinta con cada unha das mulleres da súa casa, que son catro e ben distintas. Ten unha filla preferida, que é Manuela, pero cando este tipo se converte nun asasino sabe que cedo ou tarde pode ter á súa filla na súa contra, porque son os dous lados da lei.
-Que diferencia a esta personaxe de Carmelo Matalobos?
-Carmelo era un criminal, pero un tipo que tiña un código de honor. A familia era o primeiro, o negocio era o negocio. Tiña uns mandamentos que seguía sempre e, nese sentido, era un tipo cumpridor que tiña a súa ética propia, aínda que estaba fora da ética aconsellable a calquera persoa normal. Era un tipo simpático, con bastante humor e retranca. Este comisario é un tipo máis sórdido, que agocha segredos importantes que se irán vendo pouco a pouco e nos que, dalgunha maneira, tamén está metida parte da familia. Vai caer menos simpático.
-E a súa familia non é menos conflitiva.
-As ceas nesa casa non son o máis agradable. Iso a xente xa o viu. Ten unha relación moi complicada coa súa muller, a unha das súas fillas xa a da por perdida e con outra gustaríalle levarse mellor do que se leva.
-Os malos sempre locen máis na pantalla?
-Creo que os actores e as actrices temos un punto infantil, e, nese sentido, é como volver á infancia. Os nenos cando xogan a ser malos son terribles. Se teñen que matar catro veces matan, porque non teñen conciencia do que é. Entón para min é coma se me permitisen volver ser neno e iso é un desfrute. ¡Non deixemos nunca a infancia, por favor!
-Tradicionalmente os personaxes masculinos teñen o poder, pero neste caso recae en Manuela. Como encaixa o seu comisario neste mundo de mulleres?
-Primeiro diferenciaría o poder e a lei, porque moitas veces non van exactamente da man. Este é un tipo con poder, pero eu supoño que o que o levou a estar onde está foi o feito de traballar tantos anos na fronteira da lei, ver o lado escuro e comprobar que se establecía certas alianzas iríalle mellor. E as protagonistas son mulleres de moito carácter que nalgún momento loitan polo seu cada a unha á súa maneira. Van ter moitos problemas non só co pai. Que a xente se prepare, porque incluso aquela que pareza máis débil pode que non o sexa tanto. Pode saltar a lebre en calquera momento.
-Ten relevancia no traballo da serie o feito de que o protagonismo sexa femenino?
-A nivel de guión si, porque elas son xefas, pero non importa tanto o papel social que desenvolven, senón como se desenvolven elas como persoas. O feito de que tomen as súas propias decisións e leven as rendas da súa vida. Nós dende o punto de vista persoal levámolo con moita naturalidade, porque estamos nunha profesión na que boa parte dos nosos equipos de traballo están compostos por mulleres. Vémolo co normalidade. E creo que na serie está moi ben inserido, porque a maneira de facer as cousas normais é tratalas con normalidade e non convertilas en algo especial. Aquí chega unha comisaria nova e, cando os compañeiros queren buscarlle algún demérito, é polo feito de ser filla do anterior comisario, non por ser muller. As mulleres policía teñen un peso específico tan grande ou meirande que os homes. Esa é a maneira de normalizalo.
-Cal é para vostede o punto forte de «A Estiba»?
-A serie gustoume moitísimo e creo que esteticamente é un paso moi importante. Botaba moito en falta dende hai tempo que houbese planos xerais moi abertos nas series, porque creo que gozamos dunha riqueza paisaxística en Galicia que é unha barbaridade. Ás veces imos gravar a un sitio marabilloso e non o ensinamos todo. A grandeza dun porto enténdese cando hai un plano xeral, porque aí ves o grande que é, o grandes que son os barcos e o minúsculo que é o ser humano dentro desa acción. Iso está moi ben reflectido aquí. O de Miguel Conde é un ollo privilexiado para estas cousas. Estou encantado. Progresouse tanto en poucos anos nas series que estes avances son imprescindibles. Non son fáciles e requiren un esforzo moi grande de todo o equipo. Pero cando ves que iso está reflectido e que compensa o traballo, quedas moi aliviado. Vin o primeiro capítulo o día das preestrea e despois vino outra vez na televisión, que é onde me gusta velo, todo hai que dicilo. E agora estou esperando a que chegue o segundo con impaciencia.
-A pesar de que xa sabe todo o que vai pasar.
-Si, pero entre o que les nun guión e o que ves en imaxe hai un mundo, porque poden facerse moitas lecturas. Cada un poñería a cámara nun sitio distinto en cada secuencia. De A Estiba gústame todo e quero máis. Pero de pouco serve que a nós nos guste. O xuíz último é o espectador. Pero creo que ao noso público cónstalle cando facemos un traballo con toda a querencia do mundo. Temos detrás unha televisión que é un dos grandes motores do audiovisual galego, que ten un tecido industrial e formativo arredor. E esperamos que gocen co noso traballo, que é a finalidade do que facemos.