Salvador Bara: «Hai que pensar que estamos facendo no espazo»
Sociedad
01 Apr 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Salvador Bara fala dunha sorpresa relativa na investigación sobre a contaminación lumínica da Terra: «A verdade é que non tiñamos unha idea previa sobre cal ía ser o resultado. Mais si, en certa medida sorprendeunos. O brillo artificial do ceo debido á nube de satélites artificiais e a todo o material de diversos tamaños que orbita a Terra (e que se coñece xenericamente como lixo espacial) parece ser unha cantidade relevante».
—¿Como se chega a isto?
—A humanidade leva poñendo en órbita satélites artificiais desde o ano 1957 e globalmente son unha ferramenta fenomenal para moitas aplicacións. Meteoroloxía, monitorización do cambio climático, axuda en caso de catástrofes, telecomunicacións, estudos científicos... Quen non apreza os satélites Meteosat, o telescopio espacial Hubble, a Estación Espacial Internacional ou a Misión Gaia? Moitas cousas boas lles debemos. Sucede, xaora, que ao poñer estes e outros obxectos en órbita xéranse residuos. E eses residuos brillan iluminados polo Sol. Ademais, até o de agora o número de satélites artificiais era relativamente modesto e asumible, mais certas iniciativas privadas planean encher as órbitas de baixa altura con ducias de milleiros de novos satélites cuxa rendibilidade social, todo hai que dicilo, non está clara. Sería un bo momento para pararnos a pensar que estamos facendo no espazo. Porque na órbita terrestre, como no mar, caber caben moitas cousas... pero xa vemos todos o que está a pasar no mar cos plásticos e a súa acumulación.
—¿Onde está ese lixo espacial?
—Calquera obxecto en órbita terrestre iluminado polo Sol vai reflectir luz, parte da cal ?mesmo pola noite? vai chegar a nós. E temos unha gran cantidade de cousas aí arriba: alén dos satélites hai restos de etapas dos lanzadores, fragmentos producidos polas explosións de separación de etapas ou por colisións con micrometeoroides, gotas de refrixerante, partículas de aluminio dos combustibles sólidos, restos de combustible liquido conxelado... Eses obxectos, concentrados sobre todo en órbitas a alturas entre 200 km e 2000 km pero presentes até uns 40000 km, envían luz cara a Terra durante boa parte da noite.
—¿Desapareceu a noite negra?
—Cada vez é máis difícil gozar duns ceos escuros e limpos, onde se poida ver o espectáculo da noite que a humanidade viu durante toda a súa historia até hai ben poucas décadas.
—Ese 10 % de aumento do brillo, ¿que supón?
—Para os habitantes das nosas cidades e barrios, non demasiado: o brillo artificial do ceo provocado pola contaminación lumínica do alumeado exterior (vial, ornamental, etc) ten un efecto moito máis intenso, e este fenómeno do que informamos pasará desapercibido. Porén, a situación é diferente en lugares con ceos de calidade próxima á natural. Un 10% de incremento sobre o brillo natural do ceo é o límite, a ‘liña vermella', que a Unión Astronómica Internacional marcou hai 50 anos como o máximo admisible para falar de ceos non contaminados. É, si, unha cantidade a ter en conta.
—¿Isto vai afectar aos observatorios astronómicos?
—Os observatorios astronómicos, especialmente aqueles dedicados a observacións con imaxes de gran campo, están sendo xa afectados polas mega-constelacións de satélites que están poñendo en órbita actualmente algunhas grandes empresas. As súas trazas aparecen cada vez máis frecuentemente nas imaxes científicas, e interfiren coas observacións precisas do universo. O fenómeno do que informamos neste traballo consiste en que eses satélites e todos os demais obxectos tamén afectan á observación a ollo nu ou ás medidas fotométricas de campo moderado: revélanse neste caso como un aumento do brillo de fondo do ceo e isto pode dificultar ver as estrelas máis febles ou medir con precisión a súa luz.
—¿Pódese reverter esta situación?
—Preservar os ceos de contaminación luminosa é algo que lles debemos ás persoas que hoxe viven no mundo e ás que virán. E, no caso concreto do lixo espacial, hai unha necesidade aínda máis candente: esa crecente cantidade de obxectos de todos os tamaños representa un risco cada vez máis importante para as operacións espaciais, en particular para as misións tripuladas. Todas as axencias espaciais son conscientes do problema e teñen interese en resolvelo.