Sara Sanz: «Creo que Áurea é consciente de todo o que pasa na súa familia»
Sociedad
TVG emite este domingo, a partir das 23 horas, un novo episodio da serie «A lei de Santos»
24 Oct 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Este domingo, a partir das 23.10 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de A lei de Santos. A actriz Sara Sanz interpreta a Áurea na serie.
—A súa personaxe foi unha das novas incorporacións a esta temporada. Que supón para vostede participar en «A lei de Santos»?
—A verdade é que estou moi contenta. Serramoura foi no seu momento unha ficción que tivo un amplo seguimento en Galicia e poder participar nela era como unha aspiración. Tamén fun espectadora da primeira temporada de A lei de Santos e paseino moi ben véndoa. Cando me chamaron para incorporarme nesta quenda de episodios fíxome moita ilusión porque tampouco tivera ocasión de coincidir co elenco desta serie. Traballar con xente que leva moito tempo no audiovisual fai que sentas a necesidade de estar á altura e foi un dos retos aos que tiven que enfrontarme. Foi unha oportunidade coa que estou moi agradecida.
—Que pode contar de Áurea?
—Áurea é unha rapaza moi espontánea e libre. Ela fai o que sente e quere en cada momento. Tamén é moi valente e non dubida en enfrontarse a todo co que non está de acordo. Digamos que tamén hai certa confrontación entre a súa dozura e a súa fortaleza. Áurea é unha personaxe que nunca dubida en defender o que considera que é xusto, aínda que non sempre consiga o seu obxectivo.
—Polo que estamos vendo en Viladesantos, Áurea ten que enfrontarse a unha familia moi particular...
—Eu creo que Áurea é totalmente consciente de todo o que pasa na súa familia pero, como tamén vive sen preocupacións porque non lle falta de nada, creo que é a razón de que non rompa de todo con esta situación. Ela sabe que o seu pai é un home violento e que está relacionado coa mafia, pero tamén está afeita a ese ambiente. Ela ten a aspiración de saír desa familia e levar unha vida tranquila co seu irmán, pero ten que agardar a ocasión perfecta para facelo.
—E nese ambiente tan complicado comeza unha relación con Abel. Como a definiría?
—Abel e Áurea son unha parella moi peculiar [ri]. Os dous son personaxes que teñen personalidades moi diferentes, polo que se están xuntos só pode explicarse porque viviron un auténtico frechazo. Pola súa parte, Abel cambia totalmente cando está Áurea ao seu lado, e ela está engaiolada pola forma en que a trata. O principal é que se queren e están para axudarse o un ao outro, por iso cando Áurea intenta protexer a Abel rexeitándoo, el non o cre e está disposto a loitar por ela.
—O seu primeiro papel nunha ficción foi en «O sabor das margaridas». Como viviu o fenómeno que supuxo?
—Pois sentinme moi afortunada porque, efectivamente, era a primeira vez que me enfrontaba a un papel tan imporante. Lembro que tiña moitos nervios, pero todo o equipo púxomo moi fácil. Foi unha ficción moi bonita de gravar e téñolle moito cariño á personaxe. Tamén recibín moito cariño dos espectadores cando viron a serie e iso sempre da moitos folgos para seguir. Eu era moi consciente de que era o primeiro papel e sempre hai marxe para facelo mellor, pero recibir o cariño da xente é moi gratificante.
—Volvendo a «A lei de Santos». Que agarda aos espectadores no episodio desta noite?
—O capítulo deste domingo é o penúltimo da temporada, polo que os personaxes van ter moito que dicir. Neste episodio comeza un efecto dominó que vai precipitar decisións das personaxes e que van ter consecuencias máis adiante. Ademais esta noite chega unha vella coñecida a Viladesantos, polo que eu creo que é indispensable velo.