La Voz de Galicia

O galego non morre no cemiterio

Sociedad

Manuel varela Redacción / la voz
Nos camposantos onde se celebran estes actos de restauración colócase unha pedra na memoria dos defuntos

Centos de familias mudan campas escritas en castelán no día de defuntos

29 Oct 2021. Actualizado a las 05:00 h.

O cemiterio de Mondoñedo garda os restos de Álvaro Cunqueiro dende a súa morte hai corenta anos. «Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis», reza a lápida do escritor, rodeada por centos de lousas que cobren en castelán os defuntos que durante toda a súa vida falaron galego. En Galicia hai unhas 3.800 parroquias, polo que a conta de camposantos aproxímase a esa cifra, e en todos eles repítese a mesma imaxe. Cada ano, coincidindo co día de defuntos, varios concellos celebran o Día da Restauración da Memoria Lingüística para reverter esta situación. «Estes galegofalantes foron enterrados en castelán, é unha deturpación da verdade», apunta Xosé González, coñecido polo alcume de Pepe de Redondela, un dos impulsores desta iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Levan xa un par de décadas ofrecendo a concellos e familias adherirse ao proxecto, que consiste basicamente en propor a substitución da lápida de alguén soterrado en castelán e poñela en galego, ademais de descubrir unha placa conmemorativa no cemiterio que di: «Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu».

«Damos tamén a palabra a alguén da zona, xa que o discurso da galeguidade non esta só na voz dos poetas, hai que dar protagonismo á xente do común», explica González sobre a celebración do acto no cemiterio. Unha desas persoas do común foi Manuel Seoane, membro dunha asociación de Xinzo que propuxo recuperar a memoria de Juan Ferreiro, o gaiteiro de Laroá. «Tíñalle especial agarimo. Era un gaiteiro que cando escoitaba de neno pensaba que era un calquera, pero co tempo vexo que era excepcional», comenta Seoane. Acordouse cos seus fillos e netos substituír a campa, cunha frase de lembranza e un pentagrama con parte dunha das cancións que recollera en Cuba e recompuxera canda o seu pai.

Dende aquela, case todas as lápidas son en galego na parroquia. «Alí hai un marmoreiro que se implicou no tema. Salvo que se lle diga o contrario, todas van en galego», apunta. Os organizadores deste día coinciden en que estes actos acaban contaxiando ao resto de veciños. «Son accións de carácter pedagóxico; sen pedagoxía galeguizadora, o resto son fogos de artificio», conclúe González. Este ano espallarase a restauración da memoria dos defuntos a cemiterios de Cerdedo-Cotobade, A Paradela, Allariz ou Baltar. Neste último, o veterinario Alberto Cujero e a súa familia preparan o cambio da placa do seu tío. «Chocoume, non reparara niso. Todos os cemiterios están en castelán con xente que falou galego toda a vida», reflexiona.

Acto no que se mudou a lápida de Juan Ferreiro, coñecido como o Gaiteiro de Laroá, en Xinzo de Limia. Descubriuse unha lousa cunha partitura dunha canción súa e unha frase de recordo

Esforzo dende os concellos

En Lalín, onde haberá mañá un acto ao mediodía en Romea, o Concello anunciou que subvencionará o 50 % do custe das novas placas que se vaian colocar en galego. «Dáme pena ver aos cemiterios, nunha parroquia na que nunca se falou castelán, e atopar todas as lápidas nese idioma. Paréceme lóxico revertelo», responde o alcalde José Crespo.

Outro rexedor implicado na causa é José Antonio Lorenzo, alcalde de Mondariz-Balneario, que hai uns anos presidiu un acto no que se substituíron as lápidas dos Enrique Peinador, pai e fillo, filántropos e fundadores do balneario. Pero hai municipios onde os propios departamentos de normalización lingüística rexeitan a iniciativa. Nun deles, lembra Xosé González, a filóloga encargada do servizo acusounos de facerlle unha proposta «ben tétrica». Tamén recibiron outra negativa no Concello da Coruña, ao que levan varios anos reclamando erixir un mausoleo en honor ao intelectual Manuel Murguía e «restaurar a súa memoria» corrixindo a placa en galego.

 


Comentar