«A Sariña busca pretendentes» pon en xogo un premio tan grande coma unha casa
Sociedad
TVG estrea a súa nova aposta producida por Voz Audiovisual o vindeiro mércores 9 ás 22.50 horas
06 Mar 2022. Actualizado a las 12:04 h.
Presentado pola actriz Lucía Regueiro, A Sariña busca pretendentes é un concurso con compoñente de reality, no que nove parellas de concursantes compiten por convencer aos habitantes dunha parroquia de Coristanco de que eles poden chegar a ser os veciños cos que sempre soñaron, e así conseguir o premio do programa. E cal é a recompensa? Nada máis e nada menos que A Sariña.
Pero A Sariña non é unha persoa, é unha casa. Concretamente unha vivenda de 1960 que necesita algún arranxo. Trátase dunha fantástica propiedade situada na parroquia de San Salvador de Erbecedo, en Coristanco. Conta con 282 metros cadrados, entre vivenda e alpendres, e está situada nunha parcela de 1.500 metros. A edificación foi levantada na década dos 60 e, desde entón, non sufriu máis cambios que o declive propio do paso do tempo. Durante 15 semanas, o tempo que dura o programa, a vivenda vai ser completamente rehabilitada polos concursantes. Porque, A Sariña busca pretendentes, tamén é un programa de reformas. Toca baixar o lombo e traballar.
Pero as parellas de concursantes non van estar soas. Durante todo o concurso contarán en todo momento co asesoramento e supervisión de Suso Mallo, o xefe de obra de A Sariña busca pretendentes, e que vai ser o encargado de repartir as tarefas, dar as directrices e valorar o traballo dos participantes. Este último aspecto é moi importante xa que en cada programa Suso ten que entregar a «chave de obra», é dicir, outorgar un punto á parella que el considere como a máis traballadora e que conseguise os obxectivos marcados para cada semana.
Esta chave é fundamental, pero non é a única. Os habitantes de Coristanco tamén teñen moito que dicir xa que eles tamén contan co privilexio de outorgar outro punto á parella que mellor se integre entre eles: «a chave dos veciños». E como van valorar dita integración? Pois a través de diversas citas que terán cos concursantes. O obxectivo delas é poñer a proba aos participantes no concurso e que servirán para ver como responden nas distancias curtas. Cantar nunha orquestra, dar unha clase de ioga ou «defender» unha cita romántica no ultramarinos da vila son algúns dos retos que deben superar, polo que as risas están aseguradas. Actuando como voceiros dos veciños Lupe Blanco, Lola Espasandín e Juan Ramón Sanjurjo xogarán un papel destacado ao longo do programa.
Polo tanto, cando chegue o final de cada episodio tocará poñerse serios, porque todo vai ser igual de importante: tanto o traballo na obra, coma a relación cos veciños. Só os mellores van conseguir gañar as chaves que están en xogo. E non hai que esquecer que o premio é unha casa completamente reformada. Lucía Regueiro, como mestra de cerimonias, será a encargada de dar paso ás valoracións e do destino de cada chave.
Tampouco se pode deixar atrás aos verdadeiros protagonistas de A Sariña busca pretendentes: os concursantes. Nove parellas dispostas a gañarse o recoñecemento de Suso e o corazón das veciñas e veciños de Erbecedo. Parellas sentimentais, de amigos, nais e fillos… participantes que chocarán entre si e que contrastarán coa xente da vila. Será verdade iso de que os polos opostos se atraen, ou os veciños decantaranse por parellas máis semellantes a eles? Iso si, hai que subliñar que non van estar as nove parellas ao mesmo tempo. Nunha primeira fase, dividida en catro bloques de tres programas cada un, tres parellas traballarán na reforma da Sariña e tratarán de convencer aos habitantes de Erbecedo de que son os candidatos ideais para vivir na parroquia. Os concursantes terán que aproveitar cada programa para gañarse tanto a Suso como aos veciños.
Ao final de cada bloque de tres programas, a parella que teña máis chaves no seu poder clasificarse para a fase final, a segunda parella mellor valorada terá tres semanas máis para conseguir a clasificación, e a parella que teña menos chaves deberá que abandonar A Sariña busca pretendentes para sempre.
Na última fase, xa coas catro parellas finalistas, a eliminación será semanal ata que só queden dúas parellas que terán unha última semana para convencer de que merecen ser os propietarios da Sariña. Haberá que ver quen gaña unha vida sen hipoteca.
«Sempre nos quedará A Sariña»
Tamén cada mércores, despois da emisión do programa, os espectadores da Televisión de Galicia terán a oportunidade de coñecer máis detalles da evolución dos concursantes con Sempre nos quedará A Sariña, unha mesa de debate protagonizada por cinco veciños de Erbecedo e que comentarán todo o acontecido en cada programa. Os veciños verán como se comportan as parellas na obra e coas outras parellas de concursantes cando non os teñen diante. Haberá sorpresas, algunhas gratas e outras non tanto… pero pase o que pase Sempre nos quedará a Sariña.