La Voz de Galicia

Chega o «Atrápame se podes, chanzo arriba» á Televisión de Galicia

Sociedad

O programa emítese de domingo a xoves ás 22 horas na canle autonómica

23 Jun 2024. Actualizado a las 17:42 h.

 O concurso máis popular de Galicia volve este domingo ao horario das 22 horas e faino por todo o alto. O programa presentado por Paco Lodeiro regresa ás noites da Televisión de Galicia cunha imaxe renovada, novos grafismos, novas fases e cunha dinámica de concursantes diferente. E para estrear esta nova etapa o concurso cambia de nome: a partir de agora será Atrápame se podes, chanzo arriba.

«Volve o Atrápame de sempre, pero como nunca», apunta Paco Lodeiro. «Os valores do programa non cambian. Queremos seguir entretendo e formando á nosa audiencia, fomentando a participación dende a casa e divertindo con algo tan noso como é o humor con retranca. Pero tamén queremos brindarlle aos nosos espectadores un renovado Atrápame no que eses valores se potencien aínda máis».

 

Novas fases

Nesta renovada etapa hai moitas novidades nas distintas probas do programa. A rolda rápida de preguntas, na que tamén coñecemos aos concursantes, vai ser máis dinámica que no pasado. Na segunda fase, a dos retos, os concursantes terán que responder a tres preguntas de 20, 30 e 50 puntos e as dúas primeiras terán opcións de resposta para así facer que o concurso sexa máis participativo dende a casa. Na proba dos pulsadores a primeira parella que consiga acertar catro preguntas será a que pase aos famosos chanzos. E unha das grandes novidades do Atrápame se podes, chanzo arriba é que a escaleira deixa de ser a última fase, xa que cede o seu lugar ao Minuto Final. O concursante que consiga subir primeiro os cinco chanzos terá que enfrontarse a 60 segundos trepidantes nos que ten que acertar cinco preguntas de distinta temática se quere facerse co codiciado bote do programa.

 

Nova dinámica de concursantes

Nesta nova temporada cada programa comenzará con cinco concursantes pero tan só catro deles volverán ao día seguinte. O participante que acade menor puntuación na segunda fase do programa, a dos retos, será eliminado e substituído por un novo xogador no seguinte episodio. Deste xeito, os concursantes que superen a segunda proba poderán xogar de forma indefinida e poderán optar a máis petiscos e máis veces ao bote.

Outra das grandes apostas desta nova etapa é que haberá «repesca». Aqueles concursantes que deixaron pegada no programa e na audiencia poderán volver participar mesturados cos que proban sorte por vez primeira.

 

A Liguiña

Para facer unha estrea por todo o alto desta nova temporada, a primeira semana volverán ao estudio do ‘Atrápame’ os mellores concursantes, aqueles que estiveron a tan só un chanzo de levar o bote. Todos eles loitarán durante cinco xornadas por un bote especial, á marxe do que está en xogo nos programas ordinarios.

Son 16 concursantes, dos cales 5 comezarán o primeiro día. Deses cinco, o gañador da xornada asegurarase unha praza na gran final, e o que chegue aos chanzos con el, terá a oportunidade de concursar ao día seguinte xunto a catro novos aspirantes. Nos seguintes tres días a dinámica repítese: o mellor pasa á gran final e o segundo clasificado volverá concursar na seguinte xornada. Chegado o quinto día terá lugar a gran final na que os mellores dos mellores mediranse en coñecementos e só un será o afortunado que logrará subir os cinco chanzos e facerse co bote especial.


Comentar