Damián Insua, experto en meteoroloxía extrema: «Os estudos de atribución melloran a difusión do cambio climático»
Sociedad
O investigador galego estuda a pegada do quecemento global que hai detrás de eventos coma o do histórico temporal Filomena
02 Oct 2024. Actualizado a las 18:06 h.
Hai xa un par de anos que Damián Insua (Abegondo, 1993) mudou o ceo de Santiago, onde traballaba no Grupo de Física No Lineal da USC, polos de Gante, en Bélxica, para continuar coa súa investigación en fenómenos extremos e cambio climático. Pero cando un é galego e ademais meteorólogo non parece posible poder desconectar do país. Coma el mesmo confesa «resulta raro pasar polo meu despacho en Bélxica e non ver algunha imaxe do radar de Galicia no meu ordenador».
—¿ A meteoroloxía en Galicia é máis interesante que en Bélxica?
—Curiosamente a sensación que percibo é que o clima tanto de Gante como de Santiago son bastante parecidos. Isto é algo que lles sorprende aos meus compañeiros, porque eles pensan que en España é todo sol e calor. E cando lles digo que en Santiago recóllese máis do dobre de precipitación en promedio anual que en Gante non dan crédito. Por exemplo, en Galicia temos fenómenos meteorolóxicos interesantes de seguir no inverno como os ríos atmosféricos, pero en Bélxica teñen moitos máis episodios de convección severa no verán.
—¿Que se investiga no seu laboratorio?
— O grupo está dividido en tres partes principais: hidroloxía, neve e clima. Os compañeiros que traballan en hidroloxía e neve desenvolven produtos baseados en satélite de transpiración ou profundidade da neve. Eu estou no equipo de clima e traballamos en diferentes cousas. Por exemplo, teño compañeiros traballando en predición estacional de vagas de calor usando intelixencia artificial. Eu estou especializado no estudo da orixe da humidade e da calor en eventos extremos, pero tamén en atribución ao cambio climático.
—Vostede ten varios traballos sobre informes de atribución. ¿En que consisten?
— Cando falamos de atribución referímonos a illar a sinal do cambio climático antropoxénico nunha certa variable, como pode ser precipitación ou o vento. Por exemplo, dos 44 graos que tivemos en Ourense na vaga de calor do 2022, cantos foron causados polo quecemento?
—¿Que relevancia teñen?
— Este tipo de estudos son útiles para mellorar a difusión do problema. A xente entende moito mellor o impacto do cambio climático cando lles falas de eventos concretos que eles mesmos viviron que cando falas de valores medios climatolóxicas. Se che digo que as inundacións que tiveches onte na túa cidade non tería ocorrido sen o quecemento antropoxénico enténdelo moito mellor que se che digo que a temperatura media global aumentou 1,3 graos.
—Liderou o informe de atribución sobre o famoso temporal Filomena. ¿Cal foi a conclusión?
—Atopamos que o cambio climático actuou como un modulador da intensidade do evento. En zonas do centro e norte peninsular o quecemento intensificou a nevada porque aumentou a cantidade de vapor de auga na atmosfera, mentres que en zonas do sur tivo o efecto contrario, debilitou a nevada xa que fixo que subise a cota de neve. O impacto depende moito do caso. Noutro estudo que publicamos o ano pasado demostramos que unha tormenta convectiva severa que afectou a Córsega no verán de 2022 nin sequera se tería formado sen ese plus de temperatura que nos da o quecemento antropoxénico.
—¿Existe algún estudo parecido sobre Galicia?
— Pois non, e é unha mágoa pola gran utilidade que teñen a nivel de comunicación e planificación, como dixen antes. A nivel España algún hai pero poucos. É algo no que debemos avanzar no futuro.