La Voz de Galicia

Sonia Gándara gaña os 45.600 euros do bote do «Atrápame se podes»

Sociedad

Sonia Gándara gaña o bote do «Atrápame se podes»

A concursante levou o premio do concurso de TVG no seu sexto «Minuto final» e xa ten pensado en que invertirá o diñeiro

01 Oct 2024. Actualizado a las 10:29 h.

Este luns o concurso Atrápame se podes, chanzo arriba entregou o seu primeiro bote. A afortunada foi Sonia Gándara, dependenta dunha tenda de roupa na cidade da Coruña, que gañou nada máis e nada menos que 45.600 euros. Ao premio súmanse os 1.000 euros que acumulou en petiscos durante a súa participación no concurso de preguntas a respostas que conduce Paco Lodeiro de sábado a mércores en Televisión de Galicia.

Despois de dez programas e cinco Minutos finais de infarto, Sonia conseguiu o premio tan desexado por todos os concursantes. No seu primeiro Minuto final estivo a piques de levalo, pero non lembrou a cor que tiña o «queixiño» de arte e literatura nas primeiras edicións do Trivial Pursuit. Quedoulle por dicir o marrón.

Non obstante, o destino quixo que a última pregunta que lle quedase por responder no programa de onte, e que finalmente lle deu o bote, fose tamén unha cor: «De que cor é a nube na que viaxa Son Goku en Dragon Ball?». «Neste caso, para que non me pasara como da outra vez, empecei a mirar as cores que había no estudio e precisamente polo logo do Atrápame dixen amarelo. Estaba aquí!», comenta unha Sonia emocionada mentres sinala o logo do programa que hai no chan do estudio.

O premio de 45.600 euros dá para tapar máis dun buraco, pero Sonia ten claro onde vai investir os cartos. «Por fin vou ter unhas vacacións de verdade, porque sendo autónoma é moi complicado, e agora que teño a oportunidade non a vou desaproveitar. O meu soño é ir a Cabo Norte en coche». Sabendo isto de antemán, Paco xa avisou ao final do programa ao marido da concursante: «Xoán, vai preparando as maletas».

Cando se lle pregunta a Sonia como se atreveu a participar no programa, ela mesma explica cando tomou a decisión: «Miña nai, que ve moito o Atrápame, dicíame que non era capaz. Pois ao día seguinte atopeime co voso casting e díxenme a min mesma: ‘‘Como que non son capaz? Son capaz!'' E mira que capaz fun que ata gañei o bote!».  

Segundo premio máis alto

O premio que levou Sonia este luns é o segundo máis alto dos entregados no concurso, xa que no ano 2023 o Atrápame se podes, na súa versión anterior, entregou 101.800 euros, que actualmente é o premio económico máis alto da historia da Televisión de Galicia. Naquela ocasión, o gañador foi o profesor de música de Miño Iván Pantín. E no 2021 Ramiro Vidal, de Oleiros, levou o primeiro bote do programa cun importe de 12.200 euros.

Debido a que Sonia gañou, xa non volve participar no Atrápame se podes, chanzo arriba, polo que o expulsado do programa de onte, Gabriel de Carballo, retornará para seguir competindo no desta noite. O novo bote arranca en 1.000 euros e comezará a medrar a partir de hoxe ás 21.45 horas na Televisión de Galicia.

 


Comentar