La Voz de Galicia

Rubén Riós traballa nun documental sobre saúde mental polo Camiño de Santiago

Sociedad

La Voz Redacción / La Voz
Imaxe de arquivo de Rubén Riós.

O cineasta galego grabará con persoas anónimas e recoñecidas desde Irún a Fisterra

18 Oct 2024. Actualizado a las 12:35 h.

O director galego Rubén Riós está traballando nun documental sobre a saúde mental a través dun percorrido polo Camiño de Santiago. As grabacións terán lugar entre Irún e Fisterra e, mediante testemuñas de persoas anónimas e recoñecidas, o cineasta pretende concienciar sobre o suicidio. O título será Expedición Mental.

Riós presentou en Vitoria este documental xunto a José Manuel Dolader, director da asociación La Barandilla dedicada á integración social de persoas con discapacidade; José Manuel Cámara, presentador do programa Mi gramo de locura de Radio 5 e o psicólogo José Eduardo Rodríguez.

O Camiño de Santiago será protagonista da obra, que explora o seu «efecto sanador, terapéutico y reflexivo» e a metáfora da loita interna das persoas que padecen problemas de saúde mental. O proxecto aspira a abordar sen tabúes o silencio sobre o suicidio, desmitificando o estigma asociado á saúde mental e co obxectivo de demostrar que hai vida despois de perder as ganas de vivir. O documental busca enviar unha mensaxe de esperanza para as persoas nesta situación.

Natural de Riós, Rubén é o produtor e director de Vida, un proxecto ligado ao documental Máis ca vida e de Adeus Edrada? e Coser e cantar, cos que recibiu dous Mestre Mateo. Tamén é autor do libro Arrieiros somos. 

 


Comentar