María Lamela, presentadora do novo «reality» que chega á TVG: «''Salvaxe'' é Galicia en estado puro»
Sociedad
A estrea do programa será este luns ás 21.45 horas na canle autonómica
01 Dec 2024. Actualizado a las 17:43 h.
O reality máis salvaxe chega á Televisión de Galicia. Este luns, 2 de decembro, a canle autonómica estrea ás 21.45 horas Salvaxe, o seu novo reality de supervivencia que produce Voz Audiovisual en colaboración con The Mediapro Studio. Dezaoito concursantes deberán superar distintos retos físicos e mentais que porán a proba a súa resistencia, intelixencia e fortaleza. Cada proba vainos levar ao límite das súas forzas o que, sumado á falta de comida e comodidades, provocará que a convivencia sexa cada vez máis difícil. De todos só vai quedar un: o máis salvaxe, o gañador do premio de 25.000 euros. O reality gravouse ao longo dun mes as 24 horas do día, os 7 días da semana. Desde o campamento base, a Área Recreativa de Pedroso, situado en Narón, o equipo desprazouse a distintos puntos de Galicia para realizar a proba principal de cada programa. Un formato innovador gravado en fermosas e desafiantes paisaxes da xeografía galega. A meteoroloxía adversa no medio da natureza, as duras e enxeñosas probas as que se enfrontan e os perfís dos diferentes concursantes, fan deste programa un dos novos imprescindibles da grella. E María Lamela (Vilalba, 1991) será a presentadora.
—Como lle dirías a alguén que debe ver «Salvaxe», como lle venderías un pouco este «reality»? Por que hai que velo?
—Porque Salvaxe é Galicia en estado puro. En Salvaxe os participantes deixan atrás as súas vidas para enfrontarse aos seus limites, loitando non so contra a natureza senón contra eles mesmos. Sen móbiles, sen luxos, coas inclemencias meteorolóxicas propias dun mes de outubro en Galicia, terán que gañar cada bocado de comida e cada recuncho no que durmir. E claro, o frío e a austeridade elevan a tensión e o desgaste físico e emocional. Pero isto non so vai de supervivencia, vai de estratexia: de emoción, de conspiración, de amizade, de traizón, de… ¿amor? Ollo, aquí os vínculos créanse tan rápido como se rompen. Porque aínda que ao segundo día se queiran coma unha familia, ao final so pode quedar un. O auténtico salvaxe.
—«Salvaxe» aínda non se estreou e xa foi seleccionado por unha consultora internacional (The Wit) no Mipcom de Cannes como un formato orixinal. Que ten de diferente?
—Penso que combina de maneira única os elementos de supervivencia extrema, estratexia social e un gran compoñente emocional, o que o fai diferente de outros realities. Ademais, son todos galegos; comparten un vínculo cultural común. Iso fai de Salvaxe un formato auténtico, no que se mestura supervivencia, estratexia e humanidade que vai enganchar dende o primeiro momento. Non e un desafío físico, é unha viaxe. O rol de capitán como elemento de poder e vantaxe dálle unha importancia especial á estratexia para manter e derrocar esa posición.
—Non sabemos moitos datos pero, sen facer «spoilers», como definirías o perfil dos concursantes do programa?
—O perfil do salvaxe é tan variado como a Galicia mesma. Representan a diversidade e a riqueza da xente galega, cada un cunha historia única e personalidades que impregnan cada recuncho deste programa. Os nosos concursantes van desde deportistas ata administrativos ou profes. Cada un trae algo especial: forza física, intelixencia ou simplemente o lume que acende a convivencia. Cada un coas súas ambicións e obxectivos, pero todos co mesmo espírito galego.
—Non sei se é a túa primeira experiencia neste tipo de formatos máis de entretemento. Como te sentiches como presentadora?
—Agradecida, porque confiaron en min para un formato que reúne todas as características do programa que sempre soñei presentar.
—Levas un tempo traballando en Madrid, que significou para ti este proxecto en Galicia?
—Volver á miña terriña, falando na miña lingua e rodeada dun equipazo galego e de 18 persoas que dan todo o que teñen neste concurso, converténdose xa na miña segunda familia galega... Non se pode pedir máis.
Outras formas de seguir o espazo
A estrea de «Salvaxe» será o luns, ás 21.45 horas, en TVG. Pero o programa estará tamén en AGalega.gal, a plataforma dixital de contidos da canle autonómica. Para os que queiran seguir a actualidade do programa poden facelo seguindo a conta de redes sociais @salvaxetvg en Instagram, Tik-Tok e X.