La Voz de Galicia

A praia da Frouxeira foi o escenario do arranque de «Salvaxe»

Sociedad

carlota garcía lucas redacción / la voz

Os Nécoras e os Raposos viviron as primeiras probas extremas do programa de TVG

03 Dec 2024. Actualizado a las 12:20 h.

TVG estreou onte o primeiro programa de Salvaxe, un reality de supervivencia coproducido por Voz Audiovisual e The Mediapro Studio. A presentadora é a xornalista María Lamela. A primeira emisión empezou no medio da praia da Frouxeira. Dezaoito descoñecidos con equipamento deportivo e polares coloridos atopáronse cos ollos vendados e dispostos en círculo no medio da area, un primeiro encontro no que ninguén agardaba a que lles viña enriba.

Caeron os antefaces que cubrían os seus rostros, deixando paso a caras de asombro e sorpresa dos primeiros salvaxes, felices por descubrir con quen van compartir esta aventura.

Un hortelán, unha cociñeira, un policía, unha modelo… Todos xuntos e sen saber ao que se enfrontan nas vindeiras semanas. María Lamela presentáballes entón o primeiro reto que tiñan que superar: a proba de equipos para saber quen ía ser o capitán de cada manda.

Unha intensa carreira pola beira do mar, cavar na area da praia buscando sacos, cargar peso por enriba dunha rede e, por último, pasar un muro para atopar os dous medallóns. A todo iso se enfrontaron os salvaxes. Foi Diego o que colleu o colar da manda Nécora, seguido de Abdel, que quedou co da manda dos Raposos. A orde de chegada dos líderes na proba marcou en que campamento ía vivir cada equipo e a cantidade de moedas ás que tiñan acceso.

María pediulles a Diego e a Abdel que escolleran os membros das mandas por quendas alternas e, tras facelo, cada un foise ao seu campamento. Os Nécoras, liderados por Diego, terían un teito no campamento da Cabana e trinta moedas para gastar no economato. En cambio, os Raposos, liderados por Abdel, terían que durmir no campamento do Río, nunha tenda desprotexida e só con quince moedas.

Logo diso, os capitáns foron á lareira para cambiar as moedas conseguidas. Nela afrontan tentacións que teñen que sortear se queren manter a lealdade e unha boa xestión dos recursos da manda, xa que as recompensas poden ser individuais ou grupais. Neste primeiro intre, ningún dos dous líderes revelaba ter mal fondo e semellaban querer o mellor para os seus compañeiros, polo que escolleron ambos a recompensa grupal.

Asentadas as mandas, foron durmir, xa que, ao día seguinte, os Nécoras terían que enfrontar a proba de cribado, que consistiría en tirar dunhas zorras con diferentes pesos. Foi o líder, Diego (que non participa por ser inmune) o que decidiu como vai ser o reparto de pesos entre o seu equipo, asignándolles aos compañeiros 50, 75 ou 100 quilos. A persoa que moveu menos distancia coa súa zorra, Laura, foi finalmente a expulsada do grupo e muda cos Raposos.

Por outro lado, os Raposos e mais a nova integrante tiveron que loitar na proba de nomeamento, unha carreira de obstáculos, nada doada, na que comezaban con cadeas de 60 quilos por riba e tendo que liberarse cun cicel antes de pasar diferentes barreiras: barra de equilibrios, muro de toxos e rompepernas, para finalmente encestar un saco de area nunha superficie plana e elevada.

O perdedor desta proba foi o nomeado do programa. O que non sabían era que, ao rematar, terían que afrontar o rito de expulsión. Alí, o líder dos Nécoras, Diego, decidiu a cal das dúas persoas nomeadas salvaba. Os salvaxes votaron e escolleron á persoa que se uniría ao nomeado que quedaba. Deste xeito Abdel, líder dos Raposos, escolleu entre os dous novos nomeados quen ía ser a expulsada definitiva. Non foi outra que Iria. Como sentará isto no equipo dos Raposos? Pareceralle ben a quen expulsou o seu líder ou haberá unha revolta contra el? Todo isto descubrirase no seguinte capítulo de Salvaxe, os luns pola noite na TVG.

Aqueles que queiran ver de novo o programa poden facelo en AGalega.gal. A maiores, todas as actualizacións do programa pódense seguir nas contas de redes sociais @salvaxetvg en Instagram, X e Tik-Tok.


Comentar