«Salvaxe» volve este domingo á Televisión de Galicia
Sociedad

TVG emite, ás 15.40 horas, unha nova entrega do «reality» de aventuras
09 Feb 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Este domingo, ás 15.40 horas, a Televisión de Galicia volve a emitir Salvaxe, o primeiro reality de aventuras da canle autonómica. Tras unha breve pausa na emisión o formato volve á grella tras ser o programa máis visto da plataforma dixital Agalega.gal. E volverá por todo o alto, cun programa cargado de emocións que fará a sobremesa do domingo do máis entretida.
A presentadora María Lamela terá que atar en curto aos concursantes, que sacan carácter en vista dos 25.000 euros do premio. O concurso, coproducido por Voz Audiovisual e The Mediapro Studio, enfronta a dezaoito galegos e galegas que conviven durante as 24 horas do día divididos en dúas mandas rivais: Raposos e Nécoras.
Os salvaxes non só teñen que sobrevivir ás inclemencias do tempo e superar os conflitos persoais; cada día enfróntanse a probas que poñen ao límite a súa forza física e mental. Neste programa tocaralles meter a cabeza dentro dunha urna repleta de grilos, vermes e miñocas e non a poderán sacar ata que non completen a operación matemática que se lles pide.
[[@instagram::https://www.instagram.com/salvaxe.tvg/reel/DFvjaFqsr43/?hl=es]]
A maiores, a falta de comida e descanso leva aos concursantes a experimentar moitas emocións distintas e todas elas sairán á luz durante a proba que enfronta aos dous equipos.
Competir corpo a corpo dentro dunha gaiola provocará que aumente a agresividade e que incluso os servizos médicos fagan acto de presenza na proba.
A tensión transmitirase á convivencia, cos primeiros grandes enfados entre membros da mesma manda. Salvaxe tamén vivirá a expulsión dun dos protagonistas dos primeiros programas, o que provocará choros entre os seus aliados e alegría entre os seus rivais.
O programa tamén está dispoñible na plataforma AGalega.gal e pódese seguir a súa actualidade na conta de Instagram @salvaxe.tvg.