La Voz de Galicia

O patrimonio industrial que se vai

Agricultura

Roi Fernández chantada/la voz.

Chantada só conserva o edificio dunha das tres fábricas de curtidos de coiro que chegou a ter. A que sobrevive é tamén a máis grande e a que mellor se conservaba

09 Jan 2011. Actualizado a las 02:00 h.

Ata tres edificios de vellas fábricas de curtidos se mantiñan aínda en pé en Chantada a principios da década pasada. Abertas probablemente no século XVIII. «Curtición A La Antigua, Casa fundada en 1719». Así rezaba o membrete dun vello documento atopado na que foi propiedade de Antonio Boo Meijide. A que os habitantes máis vellos da vila aínda chaman Fábrica do Merluza é a única que sobrevive, situada á beira do Asma fronte ao xardín da alameda e atraíndo as miradas dos forasteiros, que abraiados pola magnificencia e sobriedade do edificio, non imaxinan que alí está o buque insignia da arqueoloxía industrial de Chantada.

Das tres antigas fábricas locais de curtidos, a coñecida como do Rumbao estaba na parroquia de Chantada. As outras dúas, a do Merluza e a do Cereixeiro, foron construídas en San Salvador de Asma, pero as tres estaban moi cerca unhas das outras, en dúas parroquias lindantes que comparten casco urbán, separadas só polo río.

Cortiza rica en taninos

As do Rumbao e o Cereixeiro xa non existen, desapareceron. A primeira converteuse, xunto co seu pombal tradicional, nunha explanada na que agora se instalan os circos que chegan á vila. O espazo da fábrica do Cereixeiro ocúpao hoxe un chalé. A do Rumbao presentaba un aspecto ruinoso, pero ata o último momento conservou intacto no seu interior o chamado muíño da cortiza, que consistía nunha gran roda de granito dentada que xiraba sobre unha circunferencia formada por tramos regulares de pedra moi ben traballados. Movida pola forza dun burro, moía a cortiza de carballo, indispensable para o proceso de curtido, debido a súa riqueza en taninos.

Poida que a pedra do muíño estea nalgures, pero co derrube da fábrica do Rumbao perdéronse outros vellos mecanismos de fundición de ferro de considerable tamaño, igual que un secadeiro con outras dependencias e o pombal do que se obtiñan os excrementos utilizados nos labores de curtido da pel.

O que quedaba da vella Fábrica do Cereixeiro non amosaba moito que tivese que ver coa actividade do coiro. Aló polos anos corenta ou cincuenta xa se derribara unha construcción que poidera ser o seu secadeiro. Despois aínda sería habitada por unha familia que lle deu xeito de casa de labranza. Iso si, na terra que ocupara fican soterrados aínda hoxe os noques, antiguos depósitos de pedra da fábrica. Unha vez deshabitada, foi vendida e no seu lugar construíuse unha nova casa.


Comentar