La Voz de Galicia

O Páramo, un concello que dá prestixio ás vacas galegas

Ganadería

XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

La Feira de Primavera de O Páramo, en imágenes

As Feiras de primavera incluíron este ano unha poxa de frisoas á que acudiron gandeiros de toda a provincia cos seus animais

08 Jun 2024. Actualizado a las 20:03 h.

A importancia do Páramo como concello gandeiro nótase nos días de traballo e nos de festa. Hai explotacións de leite e de carne que supoñen unha boa parte da actividade económica, pero tamén as festas teñen en conta ese perfil. Se por algo é coñecido O Páramo, é polas Feiras de primavera, nas que o gando sempre está moi presente.

Este 2024 non só non foi unha excepción senón que a dimensión gandeira do Páramo acadou máis protagonismo cunha poxa de vacas frisoas. Estivo orfanizada por Africor Lugo, que atendeu así unha proposta chegada de socios que viven neste concello. Na poxa, celebrada este sábado, xuntáronse dezasete vacas, das que se venderon once. O prezo medio moveuse polos 2.300 euros, aínda que por un dos animais chegaron a pagarse 2.700.

Gandeiros da Mariña, da Terra Chá e da contorna de Lugo levaron os animais á feira, de onde marcharon para concellos coma Monforte de Lemos ou Samos, pois de alí son os compradores. Tamén houbo algúns que se vendeuron a granxas do concello paramés. A de onte non foi a primera poxa organizada este ano por Africor, pois xa tiveron lugar as de Chantada, de Muimenta e de Sarria. Para despois do verán está prevista a de Friol.

Beneficio en Galicia

O xerente de Africor Lugo, Fernando Rodríguez salientou que unha actividade coma a de onte tiña consecuencias na economía interna. Lembrou que Galicia é unha comunidade na que se adoita comprar gando fóra e que as poxas con vendedores galegos servían para que os beneficios tivesen relación directa co país e para dar saída a excedentes das explotacións.

Por outra banda, a poxa non foi único aliciente de onte, xa que houbo exposición de gando vacún e de maquinaria agrícola. Para veciños e visitantes, non faltaron os postos variados, entre os que estaban os do polbo. Este sábado foi o segundo día dunhas feiras que comezaron o venres e que rematan este domingo.


Comentar