La Voz de Galicia

Medio Rural adica 11,7 millóns de euros para mellorar a sanidade gandeira o ano que ven

Ganadería

Somos Agro redacción

As campañas de saneamento gandeiro recibirán 9,5 millóns, mentras que as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras obterán 2,28 millóns de euros

10 Dec 2024. Actualizado a las 13:31 h.

Un total de 9,5 millóns de euros. Ese é o presuposto aprobado pola Xunta para as campañas de saneamento gandeiro e outras medidas sanitarias que se levarán a cabo ao longo de 2025, co obxectivo de manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras en Galicia. Este orzamento financiará plans de vixilancia, control e erradicación de enfermidades, así como labores de limpeza e desinfección en granxas con casos de animais enfermos e nos vehículos de transporte de reses.

Ademais, incluiranse actuacións de apoio aos servizos veterinarios oficiais en situacións de alerta sanitaria, así como medidas de benestar animal e servizos como a Oficina Agraria Móbil. Estas accións enmárcanse nos programas nacionais e europeos destinados a garantir o mantemento dun alto nivel sanitario, clave para a comercialización sen restricións de animais e produtos de orixe animal.

Segundo a Xunta, Galicia destaca pola súa elevada cualificación sanitaria grazas ao esforzo dos gandeiros e ás medidas implementadas pola Administración, situándose como unha das comunidades con mellor estado sanitario no ámbito estatal e europeo.

Axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG)

A maiores, a Consellería do Medio Rural destinará 2,28 millóns de euros a axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) en 2025. Estas achegas permitirán financiar programas de prevención e control de enfermidades animais, así como a súa participación na rede galega de epidemiovixilancia.

Os programas subvencionados desenvolveranse entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026, reforzando as condicións hixiénicas, o benestar animal e o status sanitario das explotacións. Entre as enfermidades incluídas atópanse a rinotraqueíte infecciosa bovina, a diarrea vírica bovina, a paratuberculose e outras, como a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica nos coellos.

As axudas buscan consolidar estas agrupacións asociativas e fomentar a integración de gandeiros, garantindo o cumprimento da normativa en materia de identificación, benestar e sanidade animal. O obxectivo final é asegurar unha cabana gandeira galega con altos estándares sanitarios e competitiva no mercado.

 

 

 

 

 


Comentar