Contra o inxusto ataque ao sector pesqueiro galego
Pesca y Marisqueo
09 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Se algo lle debemos ao sector pesqueiro galego é estar á cabeza da sustentabilidade, do coidado medioambiental e ser exemplo de boas prácticas a nivel mundial. Galicia conta cunha forte vocación marítimo-pesqueira marcada polo saber facer das persoas que sitúan á nosa cadea mar-industria no nivel máis alto. Un potencial e un bo nome no que o porto de Vigo ten moito que ver, xa que é un exemplo en numerosos aspectos.
Por iso resulta tremendamente inxusto que todo este prestixio de anos de traballo e esforzo se poña en tea de xuízo e de xeito inxustificado e arbitrario nun vídeo de pouco máis de dous minutos que anuncia unha desafortunada reportaxe dun medio internacional.
É un despropósito e unha falta de respecto ás galegas e galegos nos que pouco ou nada se pensou á hora de abordar o tema da pesca pois a frota galega é unha das máis responsables e sustentables do planeta. Como rexión que vive en boa parte desta actividade, somos os primeiros en loitar e denunciar as prácticas ilícitas que van en contra dos profesionais que teñen no mar o seu medio de vida.
Milleiros de familias que non son tidas en conta e ás que se obvia totalmente en imaxes como as que traslada a peza audiovisual de National Geographic e que son un duro golpe á nosa identidade, ao mellor que temos. Unha labazada que atenta contra todo o esforzo que converte á comunidade galega e á cidade olívica en particular en potencias pesqueiras. Señoras, señores, iso non é Galicia nin é a xente que se xoga a vida para abastecer de alimentos saudables e de calidade á cidadanía.
De feito, o porto de Vigo é exemplo internacional de avances e difusión en control e trazabilidade dos produtos do mar e na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e así o avalan institucións de todo o mundo. Boa mostra disto é que a formación da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) para os inspectores de pesca de todo o mundo se desenvolve en Vigo e a Axencia Europea de Control da Pesca está nesta cidade.
Onde está esta realidade, a realidade da Galicia pesqueira? Nesas imaxes non, e iso é poñer en perigo cuestións tan importantes como a confianza. Un valor que a nosa frota gañou a pulso defendendo sempre a conservación dos mares e dos recursos dos que depende o seu futuro e a igualdade de condicións con outras frotas no desenvolvemento da actividade. Sempre co fin de pescar mellor para subministrar produtos do mar aos mercados.
Unha frota que loita contra vento e marea para seguir a flote ante obstáculos como a pandemia da covid-19, o veto á pesca de fondo establecido pola Comisión Europea ou as consecuencias socioeconómicas derivadas da guerra de Ucraína.
Ante estes desafíos deixámonos a pel en amosar ao mundo a realidade marítimo-pesqueira de Galicia e somos os primeiros en defender o noso. Aínda máis no caso dun ataque tan infame coma este contra a nosa identidade. Estamos a carón da xente do mar agora e sempre.