La Voz de Galicia

Teresa Moure presenta «Herba moura», a novela gañadora do Xerais

Televisión

06 Oct 2005. Actualizado a las 07:00 h.

Teresa Moure adiantouse aos tópicos ao falar da súa novela, Herba Moura , gañadora da máis recente edición do premio Xerais. A escritora, no primeiro acto de presentación do libro, indicou: «Esta non é unha novela sobre Descartes, senón unha novela sobre mulleres que se atreveron a querer saber». Moure asegurou que a súa novela «quere ofrecer unha idea de pluralidade e non de antagonismo». Moure, acompañada polo director de Xerais, Manuel Bragado, e pola profesora Dolores Vilavedra, decidiu no acto celebrado na galería Sargadelos non destripar o libro e, ademais de ler algúns parágrafos do texto, deu pistas sobre un certo anecdotario da escrita do libro. Os personaxes femininos secundarios que aparecen espallados por toda a novela acabaron por tomar nomes de artistas plásticas contemporáneas que, segundo a escritora, «é unha forma máis de lle dar presenza ao traballo das mulleres». No mesmo sentido, Moure indicou que ao longo do argumento cada unha das mulleres que aparece «deixa algo escrito e esta é a miña forma de conseguir unha voz colectiva e feminina, unha voz que represente a aportación das mulleres ao coñecemento». Explicou a gañadora do Xerais que ao escribir o herbario que atravesa o libro «respectei o uso medicinal das herbas dentro do coñecemento tradicional». Para a autora de Herba Moura «moitos dos coñecementos conseguíronse por azar e serviron para desprazar a outros que se conseguiran fóra da academia».


Comentar