La Voz de Galicia

«Non creo que ''El internado'' se prolongue máis aló do 2010»

Televisión

Manuel Costoya

O intérprete galego prepárase para a estrea da sexta temporada da serie ?de misterio en Antena 3, e di que máis adiante lle gustaría facer guións e dirixir

09 Oct 2009. Actualizado a las 19:35 h.

Martiño Rivas tiña onte un día moi axetreado. Presentación en sociedade da sexta temporada de El internado , a serie que ten unha lexión de fieis seguidores e na que interpreta a Marcos. Antena 3 non desvelou aínda a data da estrea dos novos capítulos. Mantén, ao igual que a ficción, o misterio.

-¿Que novidades haberá nesta entrega?

-Encantaríame comentar os cambios que vai haber, pero iso implicaría poñer en perigo o meu posto de traballo, o cal non me fai moita graza. A gran baza desta serie é o misterio, polo que se nos esixe un silencio absoluto sobre as tramas.

-¿Pero algo se poderá coñecer?

-A liña xeral que imos trazar é a que se vén desenvolvendo desde o comezo. Hai unha gran trama de misterio que nós [os alumnos do internado] tentamos desenmascarar, e logo, de forma paralela, desenvólvense outras de corte máis familiar e amoroso. Haberá tensión, momentos de felicidade e tentamos superar as adversidades ás que nos somete a organización nazi que nos ameaza.

-As tramas da serie son moi complexas e van estrear a sexta temporada. ¿Canto percorrido lle queda a «El internado»?

-Esta é a vella pregunta. Polo de agora, os guionistas solucionárono con gran eficacia e certa brillantez. Depende un pouco deles, da súa pericia á hora de buscar novas motivacións para seguir atraendo ao público e manter esa tensión constante, que é moi difícil de lograr. De todos os xeitos, coido que non é algo que se poida dilatar moito máis. Nós ímonos facendo maiores e é case utópico manter este nivel de incerteza. Non creo que isto se prolongue moito máis aló do 2010.

-Amparo Baró (Jacinta na serie) dicía que ás veces tiña que ler varias veces o seu papel porque non entendía nada. ¿A vostede pásalle o mesmo?

-Os papeis esixen un esforzo de revisión para ter claro cara onde vai e de onde ven a quen interpretas. Pero, pola contra, esa información pode ser útil para a curiosidade do actor, mais non enriquece a personaxe. Quero dicir que moitas das cousas que nos sabemos como actores, porque estudamos o guión, teñen que descoñecelas as personaxes que interpretamos.

-¿E iso é complicado?

-Hai que saber disociar. Ao principio, preocupábanos non saber que nos ía ocorrer no seguinte capítulo, e pensábamos que iso era un problema. Pero logo comprendes que, as veces, canto máis sabes é peor, porque podes chegar, inconscientemente, a anticipar as cousas.

-«El internado» é una ficción que se fixo popular. ¿Cómo lle cambiou a súa vida traballar estes anos nela?

-O cambio máis significativo foi deixar Santiago e a universidade e desprazarme a Madrid. E logo, que a túa faciana sexa popular e que te recoñezan pola rúa.

-¿Como leva iso de ser un persoeiro coñecido?

-Depende do día. Creo que como persoa non cambiei, pero o que se puido modificar foi a miña conduta. Penso que é necesario. Hai certos lugares, rúas e horas que prefiro evitar, porque iso implicaría ter que pararme a falar con moita xente, sacarme fotos, e non sempre un está de humor para iso.

-E despois de «El internado», ¿que?

-Quen sabe. Ese é un dos grandes medos dos actores, pero tamén dos alicerces desta profesión, que nunca sabes o que che pode acontecer. Xérame incertidume, pero é atractivo ese factor de risco. Non sei que vai ser da miña vida, pero non me preocupa demasiado polo de agora.

-¿Seguir sendo actor é o seu futuro?

-É unha paixón pola que sinto gran interese, por intentar descubrir os seus misterios. Gustaríame dirixir, poder facer guións... quen sabe.


Comentar