La Voz de Galicia

O Xabarín que revolucionou aos nenos galegos cumpriu 20 anos

Televisión

Elisa Álvarez Santiago / La Voz

O espazo infantil marcou unha nova forma de entretemento televisivo

27 Apr 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Era a moda dos clubs televisivos para rapaces. Corría o 1993, estaba o Super3 da televisión catalá, e a galega non podía ser menos. Así que encargaron o mesmo esquema para os nenos de aquí. Debuxos animados que se emitían dentro dun mesmo contedor, un fío condutor, unha mascota, unha banda sonora propia e mesmo un club que agrupase aos socios. O 18 de abril do 1994 chegou por fin á grella televisiva un espazo que se convertería en todo un fenómeno audiovisual. O Xabarín club. Pequerrechos, mociños máis grandes, pais, nais, avós, todos acabaron enganchados a este programa que nun primeiro momento, tal e como din os seus responsables, «ata pensamos que ía morrer de éxito».

Non foi tal. Todo o contrario. Vinte anos despois o Xabarín está de aniversario e segue con boa saúde na segunda canle de Televisión de Galicia pese a ter que competir agora con todas as dixitais. Son unhas once horas de programación, di quen é o seu director desde o 2002, Alberto Casal, aínda que leva vinculado a este club desde o 93 salvo un pequeniño parón alá polo 2000. Engade que se houbese que falar dunha época dourada do Xabarín, o momento álxido sería do 94 ao 99. ¿Que neno non quería ser membro do club? ¿Cántos agardaban a ser nomeados polo porco bravo o día do seu aniversario? Nun primeiro momento permitíase ser socio dos 4 aos 14 anos, pero despois incrementouse a franxa de idade desde os 0 ata os 18. Hai preto de 140.000 rapaces galegos -moitos deles agora xa con fillos-, que formaron parte deste selecto club.

Chegou a serie, unha longametraxe, banda deseñada, e como non, unha banda sonora que fuxía a zancadas das melodías cursis doutras series e programas infantís. «Precisamente foi unha época na que había un magma de rock galego, co que queriamos unha banda sonora propia», incide Alberto Casal.

Nesta andadura houbo moitos nomes. Creado por Antonio Blanco, na dirección tamén estivo Francisco Carballés ademais do propio Casal. Juanillo Esteban dando voz ao porco bravo, Gonzalo Pintos e moitos outros. Pero se o Xabarín ten unha marca da casa é a que lle deu Miguelanxo Prado, o debuxante deste porco gamberro e dos seus colegas de cortello, Clodio, Tareixa, Uxía...

O club uniu, pero nada sería del sen unha programación que enganchase aos pequenos á televisión. Houbo aí un importante labor de programación e selección, «sempre nos gustou mesturar o fenómeno do manga xaponés, pero como neno que fun dos sesenta tamén quería que estivesen presentes os cartoons clásicos americanos», explica o seu actual director. Así que na grella conviven a animación clásica norteamericana, a animación xaponesa e tamén os debuxos europeos.

Un símbolo dunha xeración

Nalgún momento, a audiencia do Xabarín chegou ata o 60 % nalgunha franxa horaria. Había merchandising, concertos... «se hai medios, facemos un produto moi bo -realmente di unha expresión máis contundente que moi bo-», engade Alberto.

Xunto con todo ese grupo de idearios do Xabarín estaba Miguelanxo Prado, o pai da criatura. «Púñase en marcha na TVG un espazo contedor de todas as series de animación, e pensouse que todo aquilo debería ter unha certa coherencia a nivel visual para que os cativos o fosen identificando, polo que pensamos tamén en alguén que o conducise», di.

Quizais o Xabarín tivo tres etapas máis ou menos claras, unha primeira na que se converteu nun fenómeno sen precedentes en canto a programación infantil a nivel galego, desde o comezo ata o 1999. Logo chegou outra andadura na que se rediseñou a imaxe para facer a longametraxe; e a última etapa, a partires do 2006, xa coincide coa imaxe máis definitiva. «Cando se fixo a serie dos Vixilantes do Camiño, o propio debuxo pedía unha estética máis fácil de animar, e era coherente que seguise sendo despois o mesmo».

Ata hoxe. Vinte anos despois o Xabarín segue sendo o símbolo de varias xeracións e dunha renovación no xeito de entender a programación infantil. E como di o porquiño bravo por excelencia ¿Hai alguén aí? Seguro que milleiros de rapaces e xa non tan rapaces.


Comentar