La Voz de Galicia

«Serramoura é o Bronx galego»

Televisión

b. p. l. redacción / la voz actor

«Don Amancio é un dos ingredientes do misterio de Serramoura», afirma o intérprete Xavier Estévez

19 Jun 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Moitos dos misterios que se ocultan en Serramoura (esta noite en TVG, ás 22.20 horas) son fielmente custodiados polo cura don Amancio, un home que sabe demasiado e que está obrigado a calar polo segredo de confesión. Quen o encarna é o actor Xavier Estévez, que, despois de ser un narco galego en El Príncipe, compaxina este traballo coa gravación dun novo thriller, titulado La verdad, cos mesmos produtores e tamén para Telecinco. Ademais, representa con Sarabela Teatro a obra de José Saramago Ensaio sobre a cegueira, que veñen de representar en Portugal ante a viúva do escritor.

-As incógnitas rodean a don Amancio en «Serramoura». ¿Quen é en realidade?

-Don Amancio é un dos ingredientes do misterio de Serramoura. É un cura do que sabemos moi pouco, intencionadamente ademais. É un home moi íntegro, pero non coñecemos todo del e iso é o que aporta á serie unha dose interesante de intriga. Sabemos da súa integridade polas tramas nas que intentou procurarlles unha vida mellor aos traballadores de Serramoura, pero a realidade impúxose a golpes sobre a súa boa intención. Aínda que aparece menos na serie durante algún capítulo, agora regresa e sempre nos vai quedar a sensación de que ten un pasado que non coñecemos. É un home capaz de plantarlle cara á inxustiza, como fixo con todos os caciques da vila, pero tamén é capaz de aliarse co diaño se pensa que con iso consegue mellorar a vida dos demais. 

-Ten aspecto de boa persoa, aínda que en Serramoura non todo é o que parece...

-Pero ás veces si. Don Amacio é un home íntegro. ¿Que ten claroscuros? Sí, pero ¿quen non os ten? O que me gusta del é que, pese a ser cura, sáese do prototipo. Ten unhas crenzas firmes que non sempre concordan con moitas cousas da Igrexa. Sempre pensei que o papa actual, máis preocupado polo benestar da xente e da comunidade que por outras cousas, sería a última oportunidade que lle da á Igrexa. Amancio é un cura dos que pisan a rúa cada día e axudan á xente.

-A referencia de serie de curas en Galicia é «Padre Casares». ¿Encaixaría don Amancio no Louredo da ficción?

-Claramente non. Son ben diferentes. Este cura mancha máis as mans. Se hai que meter as mans no barro para chegar ao fondo das cuestións, méteas. Se hai que poñer a un home contra a parede para que non se pase con outro, tamén o fai. Un cura de Padre Casares nunca faría algo así. A propia serie ten outro ton, pero tamén o cura é diferente.

 -¿Cala moitas cousas, obrigado polo segredo de confesión?

-Algo que sempre me pareceu fascinante dos curas é que o saben todo de todo o mundo. Pero ás veces, tendo fregueses como os que temos en Serramoura, saber todo é saber demasiado. E iso pode atalo de mans e facelo sufrir máis do debido. Pero ao ser tan íntegro nunca vai traizoar o segredo de confesión, polo menos ata onde eu sei.

-¿Haberá moitos sobresaltos nesta temporada?

-Sorpresas vai haber moitas. Serramoura é o Bronx galego, un sitio onde pasa todo o máis insospeitado. Seguiremos mantendo esa fiel audiencia que temos.

-¿Que lle parece a serie como espectador?

-Teño certa resistencia a seguir unha serie na que traballo, pero Serramoura engánchame. Creo que todos os compañeiros fan un traballo espléndido e consigo velo como un espectador máis, que é un exercicio moi san, sobre todo cando te gusta o que ves. Son un número máis desas cifras de audiencia das que estamos tan orgullosos.


Comentar