La Voz de Galicia

Ti tamén gañarías o bote de 45.600 euros do «Atrápame se podes, chanzo arriba»?

Televisión

La Voz Redacción

Despois de dez programas e cinco «Minutos finais», Sonia Gándara levou o premio do concurso da TVG

01 Oct 2024. Actualizado a las 10:27 h.

Sonia Gándara, dependenta dunha tenda de roupa na cidade da Coruña, gañou este luns o primerio bote do concurso Atrápame se podes, chanzo arriba!. Gándara fíxose cos 45.600 euros do premio despois de acertar a última pregunta do Minuto Final no programa presentado por Paco Lodeiro de sábado a mércores na Televisión de Galicia. 

«Por fin vou ter unhas vacacións de verdade, porque sendo autónoma é moi complicado, e agora que teño a oportunidade non a vou desaproveitar. O meu soño é ir a Cabo Norte en coche», comentaba Sonia sobre onde ten pensado investir os cartos do concurso. 

No Minuto final do Atrápame se podes, chanzo arriba, os concursantes teñen que responder a cinco preguntas de distinta temática. Contan con 60 segundos para probar respostas diferentes, xa que hai opción de rebote. Este luns, os temas do Minuto final foron: nubes, moluscos, irmáns, fontes e legumes. 

Agora, propoñémosche o mesmo reto que afrontou Sonia para conseguir o bote. Serías quen de acertar todas as preguntas do Minuto final?

Segundo premio máis alto

O premio que levou Sonia este luns é o segundo máis alto dos entregados no concurso, xa que no ano 2023 o Atrápame se podes, na súa versión anterior, entregou 101.800 euros, que actualmente é o premio económico máis alto da historia da Televisión de Galicia. Naquela ocasión, o gañador foi o profesor de música de Miño Iván Pantín. E no 2021 Ramiro Vidal, de Oleiros, levou o primeiro bote do programa cun importe de 12.200 euros.

Debido a que Sonia gañou, xa non volve participar no Atrápame se podes, chanzo arriba, polo que o expulsado do programa de onte, Gabriel de Carballo, retornará para seguir competindo no desta noite.


Comentar