La Voz de Galicia

A «script» Encarna Alonso recibirá Premio de Honra da Academia do Audiovisual

Televisión

Montse García Montse García Santiago
Encarna Alonso, «script»Encarna Alonso, «script»

A distinción será entregada na gala dos Mestre Mateo o día 15 de marzo en Lalín como recoñecemento «a formar parte dunha xeración de técnicas pioneiras»

18 Feb 2025. Actualizado a las 13:40 h.

A «script» Encarna Alonso (1955, La Ercina) recibirá o 15 de marzo en Lalín o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. A institución outórgalle a distinción «por formar parte dunha xeración de técnicas pioneiras, que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno se desenvolvese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia. Por ser un referente e abrir camiño á incorporación da muller a unha industria en constante evolución cara a igualdade. Pola xenerosidade coa que compartiu a súa profesionalidade a través da docencia e o seu compromiso coa divulgación do oficio de ‘script» deixando unha pegada imborrable nas seguintes xeracións e contribuíndo á profesionalización do audiovisual galego», indicou Alba Gallego, vocal da Academia-

O conselleiro de Cultura, José López, foi o encargado de desvelar o nome da gañadora nun acto desenvolvido este martes na Cidade da Cultura. O membro do Goberno galego salientou o «momento extraordinario» que vive o audiovisual galego, que é un dos referentes culturais de Galicia na actualidade. Tamén enxalzou o traballo da Academia Galega do Audiovisual, presidida por Álvaro Pérez. Este tamén interveu no acto resaltando que co Premio de Honra Fernando Rey recoñecen unha traxectoria de especial relevancia para o sector audiovisual.

No caso de Encarna Alonso, que desde os anos 70 reside na Coruña, empezou no ano 1987 a traballar no audiovisual desde 1987. O seu primeiro traballo foi na serie Lendas, dirixida por Carlos Amil para Voz TV e emitida pola TVG. Para a televisión, segundo lembran desde a Academia, tamén traballou en series como Mareas Vivas, Nada es para siempre e Pratos combinados.

En cine comezou con Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, e traballou tamén en longametraxes dirixidas por Carlos Amil, Xavier Villaverde, Patricia Ferreira, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Ángel de la Cruz, Gerardo Herreo e Héctor Carré, entre outros. No currículo de Encarna Alonso figuran máis de sesenta traballos como script, máis de vinte longrametraxes, numerosas curtametraxes e preto de cincocentos episodios de televisión. Ademais, dedicou tempo á docencia e publicou o libro O oficio do script. Agora, recibirá o premio durante a gala dos Mestres Mateo que se celebrará o 15 de marzo en Lalín.


Comentar