«Cando os veciños me viron na televisión, o teléfono botaba lume»
Televisión

Esta arousana participa no programa da TVG «Atrápame se podes» e conquista ao público co seu carisma
13 Apr 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Estrella, veciña de Vilagarcía de Arousa, participa estes días no programa Atrápame se podes, chanzo arriba, que se emite na TVG de sábado a martes ás 22.00 horas. Está a conquistar o público co seu carisma desbordante, os seus bailes e o seu amplo coñecemento en cultura xeral. Estudou a conciencia para vir ao programa e agora brilla en cada emisión, regalando momentos divertidos e entrañables. O seu paso polo concurso é xa unha das grandes sensacións desta tempada.
—É a segunda vez que participas no «Atrápame». Como está sendo a experiencia?
—Está sendo unha experiencia moi bonita, estou facendo moitas amizades. Todo me animou a volver, Paco é unha marabilla, un presentador como a copa dun pino e o equipo é marabilloso tamén.
—Estudaches para ir concursar?
—Estívenme preparando moito. Estudei o Atlas, os cincuenta estados de Estados Unidos coas súas capitais, os ríos, os volcáns, os planetas, os símbolos químicos, os estadios de fútbol, os filósofos… Todo o que vexo apúntoo nunha libreta que teño e estúdoo pola noite. O que pasa é que despois chego ao plató e non me acordo de todo.
—Hoxe vas concursar o teu quinto programa
—Eu pensei que ía botar un día, dixen: “Bah, hainos mellores ca min, por aí botarei un día e ala”. Pero aínda sigo e ata levei un petisquiño. Eu creo que o estou facendo bastante ben, a ver nos seguintes programas.
—E como ves aos teus compañeiros?
—Temos aí a Antón que mi madriña, é moi listo, moitos minutos finais fai, xa ten que estar farto de subir arriba. E co que quedei encantada foi con Ignacio, que maneira de bailar, ata me collía para bailar con el. É unha ricura. E tamén está Pablo, claro. Cando chegou díxenlle: «Que? Hai que bailar, eh!». E Pablo díxome: «Eu preguntas si, pero bailar nada». E dixéronlle Antón e Ignacio: «Vaite poñer Estrella a bailar, xa verás». E bailou, eh!
—A partir de agora os concursantes que superen os 10 programas converteranse en Máquinas. Veste con posibilidades?
—Pois eu non sei se terei moitas, intentar vouno intentar. Antón ten moitas posibilidades, é moi listo. Pablo tamén, é un crack, xa o vin da outra vez que estivo, que minutos finais fixo! Ambos poden ser máquinas, pero se teño que escoller, case diría que Pablo vai gañar o bote.
—Que che din os veciños cando te ven na tele?
Teño a todos os do concello onde traballa miña filla pendentes. O primeiro día o teléfono andaba que botaba lume e á miña filla dicíanlle «pero túa nai sabe moito!», «ai, como canta!».
—E que nos podes dicir de Paco Lodeiro?
—Paco Lodeiro é o mellor presentador que hai para min. E tamén o do Luar. Pero Paco Lodeiro cantando a min xa me conquista. E trata moi ben á xente, sabe preguntar, un sobresaliente. Mellor aínda, matrícula de honra!
—E cal foi a pregunta que máis rabia che deu non acertar?
—Pois foi a da Illa de Arousa! Teño moita familia alá por todas as esquinas. Ao ter unha ponte, esquecinme de que era unha illa. Xa lles pedín desculpas aos da illa porque… claro que é a illa máis grande de Galicia!
—Como estás a vivir estes días de verte na tele?
—Moi ben! O primeiro día escaralleime a rir.
—Que vas a facer cos cartos dos petiscos que xa gañaches?
—Pois gastalos, ir a tomar un pulpo, unhas cigaliñas, ir ver ao Capitán Sabrosura…
—Que lle dirías á xente para que se anime a concursar?
—Eu animo a todo o mundo a que participe no programa, pero que estuden un pouquiño. Unha vez, aí no programa, unha rapaza dixo que a capital de Portugal era Camberra, case me caio do sofá.
Unha nova etapa do popular concurso para engadir máis emoción
O programa Atrápame se podes, chanzo arriba vén de estrear unha nova tempada con cambios importantes na súa dinámica. Agora, os participantes que consigan chegar aos dez programas concursados reciben o título de máquina e gañan unha vida extra que lles permite continuar no xogo en caso de eliminación. Ademais, aqueles concursantes que superen os vinte e cinco programas converteranse en supermáquinas, adquirindo desta forma unha segunda vida adicional. Esta nova mecánica engade máis emoción ao popular espazo televisivo de TVG e recompensa a traxectoria dos concursantes máis constantes e preparados.