La Voz de Galicia

José Manuel Sande: «En setembro do 2018 podería estar en obras»

Torre de Marathón

E. Eiroa Concelleiro de Deportes

O concelleiro de Cultura e Deporte, José Manuel Sande, cifra en máis de 7 millóns de euros o proxecto

08 Feb 2017. Actualizado a las 08:26 h.

O concelleiro de Cultura e Deporte, José Manuel Sande (Marea), é o responsable do estadio municipal de Riazor, un tema que cae na súa área. A reforma da cuberta entra nas súas competencias. Cando chegou ao goberno local, o contrato para esa obra estaba adxudicado a Dragados, foi a Marea a que en outubro decidiu rescindilo a petición da empresa.

-¿Por que non se fixo a obra se xa estaba contratada?

-Houbo un intercambio de informes entre a empresa e o Concello. Eles alegaban que as gradas máis vellas tiñan problemas e consideraban que o 45 % da obra encargada era inasumible.

-Pero nos informes municipais, algún pedido polo seu goberno, consta que é executable.

-Si nos indican que existe viabilidade, pero non idoneidade. Convén un proxecto máis ambicioso porque o que había era insuficiente porque era máis modesto. Si se intentou que Dragados fixera a obra, pero tampouco conviña chegar a unha guerra porque non satisfaría a ninguén nin axudaría a afrontar os traballos.

-¿Canto tardará en poder comezar a obra das cubertas?

-Cando se rescindiu con Dragados decidiuse encarar unha obra máis ambiciosa, que dure 30 ou 40 anos. Nunca se abandonou a reforma da cuberta, pero hai uns prazos na Administración. A mediados de marzo sairá a licitación o novo anteproxecto que terá que estar redactado en dous meses. Despois licitaremos de xeito conxunto tanto o proxecto de execución como a obra, para aforrar prazos. Iso pode levar outros nove meses. E hai que sumar outros cinco do prazo de redacción do proxecto do contratista. En setembro do ano que ven podería estar en obras.

-¿Que cambia con respecto ao anterior proxecto?

-A valoración do que hai que facer supera os 7 millóns de euros [o contrato con Dragados era de 2,59]. Sería a substitución completa das cubertas de Tribuna e Preferencia, que son as máis antigas, e a reparación das de Pabellón e Maratón.

-Se o plan que había era mellorable, ¿por que non rescindiron antes?

-O contrato de Dragados é de abril do 2015 e até o 2016 non nos chamaron para trasladar os problemas. Houbo que facer informes e iso leva o seu tempo. ¿Podíase levar á empresa ao xulgado? Dubido que o PP o fixera. Ás veces é preferible unha resolución de contrato porque é unha cuestión suficientemente importante e porque queriamos facer algo máis ambicioso.

-¿Que actuacións de urxencia vanse facer en Riazor?

-Hoxe as oito e media está previsto empezar por Maratón que estará rematada esta semana. Na vindeira actuaremos na de Pabellón. En total serán uns 17.000 euros.

-¿Fíxose desde o 2015 algunha actuación de mantemento?

-Houbo revisións e pequenas actuacións no estadio. Estamos a piques de sacar a licitación nos próximos días de dous contratos, un de mantemento unicamente para vixilancia e monitorización da cuberta e outro de supervisión facultativa e mantemento das placas. É a primeira vez que se saca adiante un contrato dese tipo. Incluirá revisións periódicas e será por un ano, cun custe total cerca dos 60.000 euros.


Comentar