«Na posguerra só publican en galego os autores franquistas»
Vigo
Entrevista | Xesús Alonso Montero Montero impartirá nas vindeiras semáns un curso sobre o papel dos escritores galegos na guerra civil; un dos seus obxectivos é rescatar a algúns deles e «poñelos no seu sitio»
04 Mar 2006. Actualizado a las 06:00 h.
O escritor e profesor Alonso Montero vai impartir en Vigo, de marzo a maio, un curso de dez leccións sobre os escritores galegos e a guerra civil do 36. -¿É a primeira vez que imparte un curso desta temática? -Extramuros da Universidade, si, pero na Facultade de Filoloxía de Santiago xa en 1995 impartín un curso de doutoramento sobre a cuestión. Penso que foi o primeiro desde título nunha universidade. -¿Cal é a mensaxe do título do curso? -O curso chámase «Os escritores galegos ante a guerra civil e os escritores galegos na guerra civil». Eu subliñaría «ante» e «na», porque os escritores opinaron sobre a contenda e tamén se posicionaron, pero houbo algúns que participaron coas armas, nun e noutro bando, e nunca nos explicaron o porqué da elección ou a súa actitude ante a imposición. -¿Ten intención de publicar estas leccións? -Non tardará en saír un libro meu con algúns dos capítulos do curso. Para este curso, que patrocina Caixanova, a institución ofrecerá ós asistentes un pequeno volumen co programa desenvolvido das dez leccións e un apéndice de 33 textos relacionados coa temática. A maioría pouco coñecidos e incluso algúns inéditos. -¿Pode poñer algún exemplo? -Algún poema inédito de Evaristo de Sela, a Internacional traducida por Ramón Cabanillas, un artigo de Cunqueiro sobre o bombardeo de Guernica, un artigo laudatorio de Vicente Risco sobre Franco, entre outros. -¿Hai tamén textos en castelán? -Cómpre saber que de 1936 a 1946 os únicos que publican en galego son os franquistas. Os non franquistas escriben na cadea ou no pazo de Trasalba (Otero Pedrayo), pero non publican. -Cal é a obra maestra da poesía franquista en galego? -Quizais unha publicada en Vigo a fins do 36: Resposta escontra unha inxuria; romance de cego. O autor ocúltase baixo un pseudónimo. -¿Non se trata no curso dos galegos residentes no que vostede chama a España leal? -¡É que era a España leal! Franco foi o desleal. Hai varias leccións sobre os escritores que desde o territorio republicano denunciaron barbaries como a acaecida en Vigo no bou Eva o 23 de abril de 1937. -¿Cal foi nese territorio o papel de Castelao? -Castelao, católico e non moi izquierdista antes do 36, na guerra foi un dos artistas plásticos revolucionarios máis importantes do mundo. Pese a elo denunciou as atrocidades que se cometeron por católicos ou no nome da Igrexa catolica. -No Madrid «roxo», ¿houbo escritores galegos desafectos á República? -Si, e tiveron dificultades, como os sacerdotes Avelino Gómez Ledo e Xosé Crecente Vega. Houbo casos máis dolorosos: foron paseados tres poetas, Francisco de Fientosa e os irmáns Cereijo, mercedarios. -¿Por que este curso? -Calquera data e boa para asomarse ás realidades problemáticas, Neste ano, o da Memoria, hai que rescatar certos escritores, estudalos a todos, situalos é poñelos no seu sitio.