La Voz de Galicia

Vigo a través dos ollos de don Paco

Vigo

jorge lamas vigo / la voz

A Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e o Concello presentan hoxe o libro «Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o carazón de Galicia»

10 Jan 2013. Actualizado a las 12:51 h.

Francisco Fernández del Riego se fixo vigués en outono do ano 1939, cando chegou á cidade fuxindo da barbarie falanxista. Tiña 26 anos e xa rematara a carreira de Dereito, participara na fundación do Partido Galeguista e na campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, así como na guerra civil. Moita intensidade en poucos anos, pero nada comparable co que faría dende a cidade da oliveira.

Eses setenta e un anos entregados á Galicia dende Vigo son o motivo da publicación do libro Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, que hoxe, a partir das 19.00 horas, vai ser presentado na Casa Galega da Cultura, a casa de don Paco.

O libro, editado por Galaxia co apoio da Fundación Penzol e o patrocinio do Concello de Vigo, recolle colaboración de persoas relacionadas coa cidade da oliveira e co personaxe, e aborda facetas salientables de Fernández del Riego dende o ámbito público ao máis familiar ou da amizade, ademais de textos do propio don Paco que teñen como tema a cidade de Vigo.

«Vigo é unha cidade que vive coa ollada posta no Atlántico, e co corazón ancorado na terra. Dos tempos primeiros quedan as vellas rúas e as vellas prazas. En puro contraste, álzase o Vigo novo que se foi desenvolvendo nos días contemporáneos», escribía o creador do Día das Letras Galegas no libro Galicia (Xerais, 1994).

No ano 1940, apenas chegado a Vigo, don Paco tiña esta visión mesturada do porto, que logo deixaría por escrito na obra Vigo sentimental (Caixanova, 2001): «Fronte á estampa anovadora que o gran porto nos ofrecía, xurdía a da sempre evocación mariñeira de Vigo. A do proceso evolutivo operado desde as orixes como vila pescadora».

Uns anos despois, nunha ascensión ao monte da Guía aínda deixou esta metáfora escrita en castelán na obra publicada en Venezuela Galicia cada semana: «Avariciamos con los ojos, todo el bello panorama que ante nosotros se abre». Avariciomos foi o verbo empregado por Del Riego para describir aquela «tibia tarde otoñal».

«Vigo presentouse con perspectivas ben diferentes das composteláns. Era unha cidade sen apenas historia, pero en progresivo crecemento. Cando nos adentramos nela nos escuros días posbélicos, ía adiantándose en liña de medro cara a un futuro imprevisible», pódese ler no libro Algo máis que un café: o Café Derby.

No seu libro de memorias, Camiño andado (Galaxia, 2003), don Paco explica por que doo a cidade de Vigo as súas biblioteca e pinacoteca: «Escollín o pobo de Vigo como receptor porque nesta cidade refixen un andar esperanzado, que o drama da guerra civil tronzara. A ela débolle a inesquecible asistencia na recuperación».

Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, María Xosé Queizán e Xesús Alonso Montero son algunhas das persoas que achegan as súas visións de Francisco Fernández del Riego neste libro que vai ser presentado esta tarde. No acto, participarán o presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz; Xosé Luís Franco Grande, que fará unha semblanza biográfica; as coordinadoras do libro, María Dolores Cabrera e Malores Villanueva; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.


Comentar