La Voz de Galicia

«As ferramentas tecnolóxicas convertéronse nun fin mesmo»

Vigo

Pintor

O pintor vigués presenta un ensaio no que reflexiona sobre a alienación procedente do mundo dixital

16 Feb 2017. Actualizado a las 04:00 h.

O pintor Antón Patiño presenta ás 20.00 horas o seu ensaio Todas las pantallas encendidas (hacia una resistencia creativa de la mirada), de Fórcola Ediciones na librería Librouro (Eduardo Iglesias, 12). Presentará a obra o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín.

-¿Cal e o eixo do libro?

-O libro analiza o uso das imaxes no entorno social dominante en Occidente. Achega a visión dun pintor que fai unha radiografía crítica dese instrumento de alienación colectiva que representa a iconosfera onde vivimos. A xente pode estar sete horas diante dunha pantalla no traballo para despois, no lecer que ven de seguido, atoparse cativo desa mesma pantalla.

-¿De que xeito analiza a imaxe?

-O libro, que realmente é a primeira entrega dun proxecto que continuarei máis adiante presentando a imaxe xa como expresión artística de creatividade, é unha análise da sintomatoloxía partindo dunha visión distópica da imaxe, como se as distopías estiveran hoxe presentes de xeito cotiá. Isto vai aumentando e hoxe case poderiamos referirnos a elas como literatura costumista. É a análise dunha sociedade tan fascinante como é a nosa. Esa realidade de luz, sobreiluminada das pantallas é a realidade do consumo, a realidade dun poder lixérsico. Deste xeito queda amputada a vida cotiá, a vida sensorial.

-¿Que defende?

-A resistencia do táctil, do sensorial e da natureza humana diante dunhas ferramentas tecnolóxicas que se converteron nun fin en si mesmas. Viraron cara unha dimensión alienante. Todo o que antes se chamaban Ciencias Sociais ou Humanas foron derivando cara ás Ciencias da Conduta a través das premisas do condutismo subliminal. Neste tempo tense dinamitado as coordinadas básicas do ser humano, que son o tempo e o espazo. Estamos a vivir un totalitarismo inédito; penso que é preciso defender a complexidade dos procesos sociais.

-¿Como se resiste?

-Parto do diagnóstico da microfísica, é dicir, todos temos unha cota dese poder global. Sei que non todo o mundo ten o mesmo grado de poder, pero dende ese átomo que nos toca, como somos moitos, algo poderemos facer. A resistencia ten que ser sensorial. Para min a clave está na arte e na poesía, de feito o libro está dedicado a Carlos Oroza, poeta e paseante. Do mesmo xeito que che expropian a linguaxe como configuración simbólica do mundo, as imaxes tamén son expropiadas, xa non nos pertencen, chegan a nós pero con fins espurios. O silencio é unha práctica revolucionaria porque permite que o individuo dialogue coas súas propias imaxes interiores, que nacen so seu propio relato sensorial. Hai que pedirlle ao corpo liberdade. Creo que o libro é un manifesto de corpos libres.

-¿Desbota o uso tecnolóxico?

-Non, eu aplico moitísimo os recursos tecnolóxicos pero sei que son aditivos e compre ter unha certa cautela para evitar a fragmentación e ter claro cara onde queremos ir. Dende logo non quero participar nese poder alienante, e dende ese anaquiño de poder hai que contribuír a darlle outra dimensión ao ser humano, algo que se pode conseguir a través da arte.


Comentar