Que non lles corten as ás
Vigo
07 Mar 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Fai 75 anos, seis mulleres mozas aparecían por estas datas en fotografías nos medios de comunicación ilustrando a noticia da posta en marcha do ordenador ENIAC. Esas mulleres mozas eran cualificadas nos xornais como «modelos que posaban» para a fotografía e así foi como a súa presenza pasou á historia. Sen embargo, Betty Snyder, Jean Jennings, Kathleen McNulty, Marlyn Wescoff, Ruth Lichterman e Francis Bilas, como así se chamaban esas mozas, eran as protagonistas, as creadoras, nin máis nin menos, das primeiras subrutinas dun ordenador e os primeiros programas da historia da informática.
Ao longo da historia houbo outras centos de milleiros de mulleres coma elas. Mulleres moi potentes, en todos os ámbitos e cuxos méritos, innovacións, contribucións e proxectos foron atribuídos aos homes que ían ao seu lado, aos seus irmáns, parellas, pais ou outros membros da súa familia que pouco ou nada tiñan que ver cos seus logros. Mulleres que dende séculos dedicaron a súa vida ao impulso e ao progreso do mundo e, sen embargo, o seu rastro histórico e as súas aportacións ao desenvolvemento foron manipuladas pola cultura androcéntrica. Milleiros de mulleres ante cuxas historias o patriarcado estendeu un velo opaco que soamente contribuíu a espallar con el unha enorme desigualdade que está a impedir, aínda hoxe en día, que asociemos a figura feminina con grandes mulleres referentes de todos os ámbitos do saber.
As nenas, nenos, mozas e mozos medran coa vergoñenta cifra que sitúa ás mulleres soamente no 7,6 % das referencias femininas que aparecen nos libros de texto da ensinanza obrigatoria. E, desa ínfima porcentaxe, por riba, aparecemos estereotipadas, relegadas ao mundo doméstico (34 %), da relación (16 %), do ocio (7,4 %) ou subordinadas (4 %).
Como imos construír sociedades igualitarias se estamos sementando a desigualdade desde a máis tenra infancia, trasladando imaxes encaixadas das mulleres e infrarrepresentando todas as súas aportacións para o desenvolvemento do mundo? Como imos poder empoderar ás nenas e mozas, ás mulleres do mañá, se medran sen referentes femininas?
Así, dende logo, non. Precisamos un profundo cambio, que as nenas saiban que a sociedade que temos non se construíu grazas aos homes, senón que moitos dos grandes descubrimentos teñen nome de muller. Trátase de amosar a realidade. Necesitamos que coñezan que o mundo é unha herdanza compartida na que participamos homes e mulleres. Así que no Día Internacional das Mulleres deste ano o meu desexo é encher as cabezas das mozas de grandes mulleres referentes que pasaron pola historia, que as hai e moitas, para que ninguén lles corte as ás e poidan voar, como antes o fixeron outras, perseguindo os seus soños, as súas vocacións e os seus desexos. É responsabilidade de todas e de todos. Soamente así conseguiremos estender argumentos e dotarnos, como sociedade, de ferramentas para loitar contra este tremendo desequilibrio que está a impedir o desenvolvemento dunha sociedade decente, sa, xusta, democrática e igualitaria.