A Fundación Carlos Casares organiza en Vigo as Xornadas Videoxogo e Literatura
Vigo
Comenzará o xoves na sede da Fundación Barrié
27 Sep 2022. Actualizado a las 09:52 h.
A Fundación Carlos Casares organiza a cuarta edición das Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal, que pretende ampliar o coñecemento público do sector, debullar as perspectivas de crecemento e integración na cadea da cultural, apuntar os retos e desafíos que enfrontan os seus profesionais e ofrecer, ademais, a posibilidade de interactuar coas figuras máis relevantes, dinámicas e prometedoras da industria do lecer interactivo en cada unha das súas especialidades. As Xornadas poderán seguirse presencial e tamén virtualmente no noso sitio web de videoxogoeliteratura.gal.
Desenvolveranse dende o xoves 29 de setembro ao 1 de outubro na sede viguesa da Fundación Barrié, no 31 de Policarpo Sanz. Tras a inauguración, ás 16.00 horas do xoves, sucederanse tres mesas redondas en torno a temas como o financiamento do secto do videoxogo ou o rol de Galicia.
Entre as persoas que pasarán polas xornadas os tres días hai xente de empresas, ensinanza, programadores e outros aspectos do eido do videoxogo.
Dende a Fundación Carlos Casares apuntan a que diversos estudos vinculan o uso de videoxogos
coa mellora da lectoescritura, da creatividade, da empatía e da comunicación positiva. «O videoxogo serve como vía para introducirse na historia de xeito máis profundo e interactivo ca outras canles máis tradicionais», sinalan dende a fundación que leva o nome do escritor ourensán.
Durante a presentación, Gustavo A. Garrido e Miguel Areán sinalaron que nesta cuarta edición se consolida a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (financiamento de proxectos, trucos legais, literatura e videoxogo, narrativa e educación, a potencia creadora no ámbito dos xogos de rol, novas formas de comunicación, etc); novas masterclass (Deseño de personaxes e uso de Unity), e consolídase tamén A “desconferencia”, un espazo para que calquera persoa interesada en participar e presentar as súas ideas, proxectos... Poida darlles voz e difusión. Máis información en videoxogoeliteratura.gal e na documentación anexa.
Acto seguido falou Horacio Rodríguez Maseda (xornalista, editor e redactor da revista Start Videojuegos), que anunciou a estrea de “La industria salvaje” dentro das Xornadas, un documental que empezou a xestarse hai máis de cinco anos e que acabou converténdose nunha impresionante peza audiovisual de 80 minutos de duración que narra as dificultades de crecer no sector do desenvolvemento de videoxogos en España, con 16 entrevistas de desenvolvedores, xornalistas e académicos para explicar o contexto actual do desenvolvemento nacional. Ademais, o documental segue de preto o estudo galego Gato Salvaje durante a creación do seu xogo máis ambicioso ata o momento: The Waylanders. O xogo, creado por un equipo liderado polos irmáns Sergio e Fernando Prieto, xunto cun terceiro socio, Javier Vara, bebe de sagas referenciais como The Witcher e Dragon Age, pero achegando un universo e unha narrativa propia inspiradas na mitoloxía celta e galega.