La Voz de Galicia

Un percorrido polo vínculo entre Francisco Fernández del Riego e La Voz de Galicia

Vigo

La Voz vigo

Unha vida ao redor de catro cubos

15 May 2023. Actualizado a las 21:05 h.

A exposición que se pode ver na praza da Princesa de Vigo consiste en catro cubos que percorren a vida de Francisco Fernández del Riego e a prolongada relación que mantivo con La Voz de Galicia. A través de fotografías, páxinas do xornal cos seus artigos ou as entrevistas que concedeu, a mostra permite achegarse a unha faceta que Del Riego sempre tivo como fundamental na súa actividade intelectual, que foi a de escritor de periódico. Para La Voz, o escritor foi unha firma de referencia, que exercía o poder da palabra dende a tribuna que lle brindaban as súas columnas no diario. O xornal recoñeceu a importancia da súa traxectoria outorgándolle en 1994 a súa máxima distinción periodística, o premio Fernández Latorre, un intre que recolle o primeiro cubo da mostra.

A seguir, a exposición continúa cunha aproximación aos difíciles anos da posguerra, nos que Del Riego tivo que empregar o pseudónimo Salvador Lorenzana para asinar os seus artigos. Eses textos contribuíron tamén á reconstrución do galeguismo na posguerra, e que xerou fitos como a celebración do Día das Letras Galegas, de cuxa primeira edición, en 1963, La Voz deu cumprida información.

O terceiro dos cubos aborda como ningún tema lle resultaba alleo a Del Riego, que trataba cuestións de lingua e literatura, pero tamén de historia ou gastronomía, o que fala da súa altura intelectual e mais da amplitude dos seus intereses. Por último, a mostra péchase con algunhas das entrevistas que La Voz lle fixo ao escritor, no que reflexiona sobre o seu traballo pero tamén amosa a súa cara máis humana.


Comentar