Bea Campos: «Os da cultura dámoslles igual aos políticos, por iso hai que dar caña»
Vigo
Tras anos de pico e pala, vén de triunfar en México con «Marcho que teño que marchar», un monólogo de humor feminista desta nena de aldea que escribe e produce a súa obra
28 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.
«Nunca ofrezades en México DF licor café», advirte Bea Campos (Cerdedo-Cotobade, 1984). Impactada pola acollida da súa obra Marcho que teño que marchar, explica como xestionou a avalancha de 800 persoas que se lanzaron ao escenario no Festival Internacional de Cabaret azteca: «Un ata caeu», relata. Solo unha irreverente coma ela pode arrancar a súa obra animando a beber e a apalpar. «Digo que lle toquen o peito ao do lado, pedindo permiso, iso sempre». Este monólogo que estrea en Vigo o 4 de novembro —sala Ártika— e en Pontevedra o día 9 —Casa das Campás— é un reflexo da propia Campos, un relato con humor e descaro dende a perspectiva feminista dunha nena de aldea que medrou no «realismo máxico galego», hoxe en extinción.
Mentres a nai facía teatro, Campos criouse entre as charlas de lavadoiro de labregas de Terra de Montes (agora Cerdedo-Cotobade) que non sabían o que era o feminismo, pero si practicaba a sororidade. «Medrabas para arriba coma unha silveira, sen que che fixeran caso. Descubrías os límites da realidade chocando literalmente contra eles, pero escoitabas esas historias de antepasados, eses rituais, esas mulleres que contaban contos para sachar». Nesa infancia descubriu que o seu era ser actriz. Pero ter unha nai artista non deixaba demasiado oco para as dúas, decidiu estudar Turismo ata que tropezou consigo mesma. «Metín a un grupo de turistas pola Porta Santa que non era, acabamos nunha tenda de souvenirs». Sobra dicir que as risas estiveron aseguradas. «Facía de guía en Portugal e acababa facendo visitas teatralizadas».
Tras este rodeo acabou matriculada na ESAD e leva 20 anos, pico e pala, facendo espectáculos para nenos na compañía familiar, Migallas Teatro, e de contacontos para a editorial Kalandraka. Fixo televisión e traballou de presentadora, pero nesa viaxe decidiu ser produtora ademais de contadora, que é como lle gusta definirse. «As contadoras estamos suxeitas á raíz, creamos con humor, pero non somos monologuistas, porque iso obriga a estar facendo bromas cada tres frases. Nós facémolo con conciencia de país e de clase. Imos a por todas», explica Campos con esa capacidade de abordar o máis profundo con ton de humor.
Afeita a asinar autógrafos en pósits para os nenos aos que fai rir no teatro e nos coles, lánzase agora a unha hora de espectáculo na que se retrata a sí mesma. «Hai que ir a tope e sen pedir permiso. Como artistas temos que reivindicar dende as nosas creacións. A través da miña compañía, Inventi Teatro, con Marcos Alonso, tratamos de facer teatro de calidade e ir a por todas. A través da asociación de narradoras, somos 35 creadoras en Galicia que estamos facendo de punta de frecha, arraigando a cultura e traballando pola normalización lingüística».
Súa con Lores, pica a Caballero
Campos demostra que a risa non ten que ver coa superficialidade. «Dá igual que sexan nenos que maiores, hai que falarlles con cariño, empatía e verdade, porque a verdade é moi divertida». Inventi Teatro é un espazo de loucura e xenialidade, onde tanto se traballa un guión como se merca un camión antigo para rodar por Galicia facendo teatro. «Cando traballei de presentadora tiña que ser simpática, non liala moito, sorrir, parecer delgada e non abrir as pernas ante a cámara, iso se me daba fatal... Bromas aparte, deixábanme un espazo moi pequeno para ser eu. Cando produzo os meus proxectos non teño que asumir os ‘non' dos demais, podo arriscarme, podo medrar como artista». Asegura que lle divirte e empodera iso de ter que cadrar as contas e pensar economicamente nos espectáculos.
Vive do conto, arriscando e transgredindo, incluso fronte aos que a contratan. «Os da cultura dámoslles igual aos políticos, nin nos miran, por iso hai que ir a tope, darlles caña e ser críticas». Cunha compañía de teatro viguesa non teme reprochar ó alcalde, Abel Caballero, a desaparición da escena profesional nos barrios e o «Vigo a escena»: «Botárono abaixo para melloralo, e non fixeron nada máis», lamenta. Como exemplo pon a Deputación de A Coruña, onde asegura que si hai unha rede de teatro estable para público e artistas.
«Aos políticos temos que asustalos e divertilos, e convencelos de que con nós o mundo é menos gris, máis soportable, somos bufóns que creamos espazos onde a xente se sinte acollida». Todo isto sen perder a risa. «Coincido con Abel Caballero en moitos actos e trato de picalo, pero é listo o tío, é rápido de mente e ponse a bailar cando lle canto Ponche Caballero». Con Lores, o alcalde de Pontevedra, atópase no ximnasio. Entre exercicios, seguro que busca un oco para algunha brincadeira. «Intento darlle á xente o mellor que teño», di sabedora de que, a día de hoxe, dar alegría é un acto de valentía.
A súa canción favorita
«Tempestades de sal», de Sés. «Separeime este verán, e pasei ese momento de dicir: Alá vai todo... Tiven que botarme atrás para recompoñerme, nese momento escoitaba esta canción en bucle. Logo viñeron tantas cousas boas... A música, o teatro e as artes axudan a atopar eses espazos onde refuxiarse».