La Voz de Galicia

«Os Traballos de Hércules» de Luca Giordano, chegan ao Museo do Mar

Vigo

b.r.s. vigo / la voz

As 16 obras forman parte das coleccións da Real Academia Galega de Belas Artes

16 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Mar de Galicia acolle a partir de mañá a exposición itinerante por Galicia da colección de 16 gravados orixinais sobre Os Traballos de Hércules. A mostra está comisariada por José Ramón Soraluce Blond e organizada pola da Real Academia Galega de Belas Artes co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital.

A inauguración está prevista para as 19.00 horas e trátase dun dos actos programados co gallo do 175 Aniversario da fundación da Academia, efeméride que non se quixo deixar pasar, a fin de rescatar a súa historia. O mitolóxico Hércules tivo unha importante presenza na tradición e nas lendas sobre a monarquía hispana. Xa na Idade Media coñécese a presenza do personaxe en España, recreando e ampliando as fazañas realizadas polo heroe na Península durante os seus famosos «Doce Traballos».

As obras son copiados da serie de pinturas que o artista italiano Luca Giordano realizou para Carlos II no Casón del Buen Retiro de Madrid. Realizados pola Calcografía Nacional en Madrid (h. 1790). Na serie de gravados das Coleccións da Real Academia Galega de Belas Artes sobre o encargo mitolóxico que se fixo a Hércules de doce aventuras, se atopa a que se desenvolveu en Galicia. «Trátase do enfrontamento a matar que tivo co tiránico e monstruoso rei Xerión, con tres corpos de home unidos na cintura, para quitarlle o rabaño de bois que arrebatara aos campesiños da rexión. Hércules derrotou a Xerión na Coruña e sobre os seus restos construíu a Torre de Hércules», ese é o mito que se lembra na mostra. A exposición estivo antes no Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira.

 

Máis gravados

A mostra completa a programación de estrea do Museo do Mar este mes, xa que a principios de xullo abriu a exposición Soñar o encontro: Cartas ao Mar, do artista arxentino de ascendencia galega Néstor Goyanes, que amosa, tamén por medio dunha serie de gravados, o diálogo dos inmigrantes coa súa terra orixinaria a través das cartas, dos sobres, das fotografías, mais tamén un mundo emocional de recordos, saudades, dificultades e experiencias. A entrada e de balde.

O museo vigués ofrece ademais en xullo e agosto visitas para percorrelo na compañía dunha das súas guías. Para facelo hai que chamar e reservar praza no 986 247 750 de martes sábado de 11.00 a 14.00 horas.


Comentar