La Voz de Galicia

Francisco Castro: «Ao lector hai que darlle unha razón para que lea os teus libros»

Vigo

jorge lamas vigo / la voz escritor e músico

O autor vigués publica mañá a novela «Últimas noticias de Sara Silva»

13 Nov 2024. Actualizado a las 21:24 h.

Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) publica en Roca Editorial a novela Últimas noticias de Sara Silva. O libro estará a partir de mañá nas librarías.

—Por que nesta ocasión publica en primeiro lugar en castelán?

—Apareceu a ocasión de traballar co grupo editorial máis grande do mundo e non se me ocorreu desaproveitala.

—Presénteme a novela?

—É unha novela policial, absolutamente intrigante capítulo a capítulo. Un inspector de policía da comisaría de Vigo ten que darlle sentido a algo que non comprende. A súa exmuller, Sara Silva, que é a máis importante escritora de novela erótica e romántica, suicídase, deixando unha nota. Aínda que o informe forense di que non hai signos de violencia, el, que a coñece tan ben e que segue namorado dela, sabe que en ningunha circunstancia faríao. A partir de aí empeza unha investigación que vaise complicando porque el se decata de que outras mortes que se suceden en Vigo, teñen que ver co derradeiro libro que ela escribiu.

—É unha novela cun fondo social ou está vinculada a trama?

—Quixen que fora unha novela moi de thriller e policial, onde os acontecementos se sucedesen dunha maneira moi vertixinosa. Ademais, a novela negra é un reflexo da realidade, e nesta subxace o tema da prensa rosa. No momento no que morre esta muller, a prensa rosa atopa un filón. Aí hai unha crítica importante ao que eu entendo que é mal xornalismo.

Que deben ter os seus libros?

—Intento seguir aquel mandato de Italo Calvino de que hai que darlle unha razón ao lector para que te lea. Teño moi claro que cando escribo quero que quen compre o libro entenda que non tirou os cartos. Para elo, ten que ser entretido, orixinal, que faga pensar e que, sobre todo, cando rematas un capítulo teñas ganas de saber como sigue. Creo que iso é unha mostra de respecto cara ao público. Eu para poñerme estupendo teño diarios, pero son para min. Cando escribo un libro teño que facelo pensando nas lectoras e nos lectores; que o pasen ben e, se pode ser, que lles deixe un pouso dentro da cabeza.

—Que referentes literarios ten na novela negra?

—O libro está dedicado, a parte de a miña parella Inma López Silva, á memoria de Domingo Villar. Foi un gran amigo e a súa ausencia aínda doe, pero tamén creo que foi un referente absoluto. Eu tiven a sorte de ser o seu editor e ter a novela no proceso de confección e vin os cambio que ía facendo para mellorar a intriga ou para deseñar mellor a un personaxe. Hai moitos autores referentes, pero de escoller un, referiríame sempre a Domingo Villar.

—Como leva o seu equilibro mental e creativo entre a música e a escrita?

—É algo marabilloso. Eu neste momento son un artista profesional porque vivo da literatura e da música. Son distintas caras da mesma realidade; eu son un creador e exprésome a través dos artigos, no que poño nas redes sociais, nos libros e facendo cancións, e oxalá, dentro de uns anos, se me dea por outra cousa. Son distintas perspectivas, poliédricas, dunha mesma realidade que son eu.

—Gañou tempo tras a saída de Galaxia?

—Si. Érgome as sete da mañá e escribo até a unha, todos os días. Agora teño catro ou cinco horas para escribir, de feito estou xa cunha nova novela e levo escritas case que 300 páxinas. O meu ritmo de vida cambiou moito. Tamén teño moitas fins de semana ocupadas coa música. Teño en decembro seis concertos. Estou feliz.

—Haberá axiña entón novo disco?

—Si, hai un ano que saquei o primeiro disco e estamos xa traballando no novo. No concerto no Vitruvia, que foi unha loucura, puidemos testar as novas cancións que escribín e creo que funcionaron moi ben. Agora ven o proceso bonito xa que, dentro duns meses, entraremos no estudo para gravar e, despois, empezar a traballar co material novo.

—Imaxinaba así o mundo da música?

—É moito mellor do que eu o imaxinaba. A literatura é un exercicio solitario, eu estou na casa escribindo só, pero a música é unha actividade comunal e o goce é automático; na literatura, non, sae o libro e a resposta ven despois.


Comentar