Falece Henrique Harguindey, o tradutor lugués que fixo de Cangas o seu fogar
Cangas
Foi concelleiro entre o 1987 e 1995, profesor, impulsor da Agrupación Cultural O Facho e defensor da lingua galega
21 Dec 2024. Actualizado a las 01:56 h.
Henrique Harguindey Banet (Lugo, 1946 - Cangas, 2024) namorou de Cangas nada máis chegar. Arribou ao Morrazo como mestre, e dende alí, desenvolveu gran parte da súa carreira como político, tradutor, escritor e activista pola lingua galega e a cultura. Henrique, neto de Manuel Banet, un dos fundadores da Real Academia Galega e membro das Irmandades da Fala, criouse entre libros e licenciouse en Filoloxía Francesa. Da súa man, cobraron vida en galego grandes obras da literatura francesa como «Ubu Rei» de Alfred Jarry, «O Tartufo» de Moliere ou «O derradeiro día dun condenado. Claude Gueux» de Víctor Hugo. A súa relación coa literatura francesa e o seu compromiso coa lingua e cultura galega quedou reflexado na súa obra «La Galice», unha vista de Galicia a través da literatura gala na que compilou 10 séculos de obras de diferentes autores como Jules Verne, Alberto Grimaldi ou André Sernin.
Ademais das súas obras e traducións, outro dos grandes legades de Harguindey foi o impulso xunto a Andrés Salgueiro, Xosé Luís Carneiro e Xosé Luís Rodríguez Pardo da Agrupación Cultural O Facho da Coruña en 1963, un colectivo que naceu co obxectivo de defender a lingua galega e que foi dos primeiros movementos políticos organizados contra a ditadura na cidade.
Henrique era un home moi querido dentro da cultura galega e esta mañá nas redes sociais foron moitos os persoeiros que se querían despedir del. O catedrático da UVigo Xosé Henrique Costas destaca que «quédanos a lembranza dun home amable, fraternal, comprometido e inmensamente traballador. Sen dúbida ningunha o mellor tradutor galego ata o momento», o presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, tamén engadía que Henrique «era un home traballador, creativo e xeneroso, iluminado sempre pola estrela da nosa lingua e da nosa nación».
O escritor tamén foi concelleiro de Cangas co Partido Socialista Galego-Esquerda Galega entre 1987 e 1995. Esta mañá a Alternativa dos Veciños de Cangas destacaba «a súa defensa continua e firme dos intereses dos veciños». Henrique era un veciño moi querido e en 2022 a Asociación Cultural Xiria rendiulle unha homenaxe no auditorio onde se representou unha escena do «Tartufo», obra que el trouxo ao galego.