La Voz de Galicia

A Deputación e os escritores en lingua galega recordaron a Rosalía de Castro

O Rosal

Jorge Lamas Vigo

Os actos coincidieron coa celebración do día da escritora de Padrón

25 Feb 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Asociación Cultural O Castro de Vigo, realizou onte, coincidindo co Día de Rosalía, unha ofrenda floral no edificio onde estivo no século XIX a imprenta de Juan Compañel, onde se imprimiu Cantares Gallegos en 1863. Cruz Martínez, presidenta da asociación, e Marta Dacosta, do Consello Directivo da AELG, leron o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Pola súa banda, o escritor e fotógrafo vigués Vítor Vaqueiro, homenaxeado pola AELG coa Letra E en 2020, participou recitando un poema de Rosalía.

Xoán Carlos Gil

Non foi o único recordo en Vigo para a escritora de Padrón. Na sede da Deputación, coa presenza do alcalde, Abel Caballero, e a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, o alumnado do CEIP Altamar leu de novo o manifesto elaborado por Anna R. Figueiredo. Houbo tamén unha actuación de Uxía Senlle e se deron a coñecer os gañadores do concurso de debuxo infantil A nosa Rosalía. Ao remate do acto cultural tivo lugar a acción Proxectando a forza de Rosalía! no exterior da sede da Deputación en Vigo, que consistiu na iluminación da fachada do edificio cunha imaxe e unha frase da autora. O acto, tamén presencial, retransmitiuse en streaming a través da web e do Twitter da Deputación.

Esta mesma acción tamén se desenvolveu en outros concellos da provincia, como Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal.


Comentar