O anel con diamante falso da feira medieval
Soutomaior
23 Mar 2024. Actualizado a las 19:28 h.
En días pasados foi presentado polo alcalde de Monforte o vídeo promocional da XX Feira Medieval, que está colgado na paxina web do Concello. En torno ao minuto 1, e co rótulo «nun enclave único» vense dous cabaleiros loitando diante dunha fortaleza que non pertence ao recinto medieval de Monforte. Trátase do Castelo de Soutomaior en Pontevedra. Este feito sorprendente é sintomático do valor que se lle dá ao noso legado patrimonial.
A muralla monfortina atópase nun estado deplorable de abandono, comida polas edras e con derrubes nalgunha zona, sen que se actúe sobre ela nin se poña e práctica un plan dotado con partidas plurianuais para a súa recuperación, tal como aconsellaban os redactores do plan especial do casco histórico, existindo xa un plan director para a rehabilitación da mesma da Consellería de Cultura que nunca se puxo en marcha.
Isto é un síntoma máis da falta dun proxecto urbano integral para Monforte que conserve e poña en valor o noso patrimonio, permitíndose aberracións como o edificio que se está construíndo pegado ao peche do Colexio dos Escolapios. Ou o proxecto de edificar na zona anexa ao Parque dos Condes, que de momento está paralizado por unha alegación de Esperta Monforte ante a Dirección Xeral de Patrimonio.
Mentres, o grupo de goberno se nega a iniciar a elaboración dun imprescindible Plan
Xeral de Ordenación Municipal que afronte e planifique o futuro urbanístico. Conservar mellorar, e poñer en valor o patrimonio é unha responsabilidade que leva aparellado un gasto, pero ten un interese estratéxico e económico para o noso futuro. Para todo isto compre diñeiro e axuda doutras administracións , pero isto non semella un problema tendo en conta que se van gastar máis de 2 millóns de euros nunha obra superflua como facer un edificio practicamente novo para a piscina municipal.
A muralla de Monforte é unha xoia, como un anel que rodea o casco medieval . Mirando o vídeo do Concello sobre a feira non podo deixar de pensar que é como quen ten un anel de ouro mal coidado e pretende darlle valor poñéndolle un diamante falso no medio.