O Vilalonga busca a final da Copa Rías Baixas ante o Soutomaior
Soutomaior
O gañador do partido desta tarde no Mosteiro mediráse dentro de sete días ao Cultural Areas
09 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.
O Vilalonga mídese esta tarde, desde as sete no Campo Municipal José Betanzos de Mosteiro, Meis, ao CD Soutomaior no partido que decidirá o representante da franxa norte da provincia de Pontevedra na final polo título da Copa Rías Baixas. O vencedor mediráse o vindeiro domingo, día 16 en campo neutral, ao Cultural Areas, que onte superou na quenda de penaltis ao CD Valladares tras empatar ambos os dous a 2 na mesma fase do torneo copeiro, pero do cadro da franxa sur da provincia.
Campión do Grupo Sur da Preferente Autonómica e equipo de Tercera RFEF a vindeira temporada, o Vilalonga parte como claro favorito no seu duelo co Soutomaior. Este último rematou o actual curso subcampión do seu grupo da Segunda Autonómica, conseguindo o ascenso a Primeira Autonómica. Con todo, comentaba na véspera do choque o capitán do cadro celeste, Nico Fraga, o Vilalonga chega advertido da perigosidade do seu opoñente: «Dixéronnos que é un bo equipo, con xente moza, saída moita do Choco de División de Honor Juvenil, con ganas, rápidos e con intensidade, ben traballado e que sae ben á contra».
Nico Fraga confesa que aos xogadores do Vilalonga lles está a custar encarar a prolongación da temporada tras a consecución do grande obxectivo perseguido polo club durante seis anos. Con todo, o cadro do Novo San Pedro ten a motivación de saber que o campión da Copa Rías Baixas poderá pelexar en agosto a praza do fútbol galego na eliminatoria previa da Copa del Rey 2024/25.