Das mulas ao autobús pasando polo tranvía ou o trolebús: Unha viaxe no tempo a través do transporte público da Coruña
Xa choveu
Unha viaxe no tempo a través do trasporte público da Coruña
Durante os seus máis de 120 anos de historia, a Compañía de Tranvías deu servizo a máis de 1.906 millóns de persoas. A súa historia é a historia da evolución da cidade. Forma parte da memoria colectiva de Galicia. Envía as túas fotos aquí
18 Jun 2024. Actualizado a las 17:25 h.
«En 1901, los servicios públicos eran como ahora la inteligencia artificial. Empezaba a funcionar lo que sería el futuro». Así resume Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías de La Coruña, os inicios desta empresa de máis de 120 anos, que marcou o desenvolvemento do último século da cidade da Coruña.
Ao longo dos seus máis de cen anos de vida, xeracións e xeracións de coruñeses (calcúlase que 1.906 millóns aproximadamente) fixeron uso dos icónicos autobuses vermellos, pero tamén dos seus predecesores: os vehículos tirados por mulas, os tranvías e, como non, o trolebús.
Os inicios do transporte público na Coruña
Seguindo a vangarda de cidades como Londres e Nova York, un grupo de emprendedores coruñeses quixo implantar o primeiro tranvía da cidade. Unha das primeiras mencións á empresa en La Voz de Galicia foi o 26 de febreiro do 1902, cando xa estaba fundada, pero os tranvías aínda non chegaran á cidade polas dificultades de realizar a transformación eléctrica. «Hemos preguntado qué hay del tranvía de La Coruña, ya que va pasando el tiempo y no parece hacerse gran cosa», comeza a nota.
Este non empezaría a operar ata o 1 de xaneiro de 1903, unindo Porta Real coa Estación de Tren del Norte, actual zona da estación de autobuses. Pero os primeiros vehículos da Compañía de Tranvías non foron tranvías convencionais.
Na noticia publicada en 1902 xa se expoñía que «la tracción, según hemos dicho, será animal, aun cuando este sistema de locomoción está mandado retirar de puro anticuado». Nun primeiro momento, estes tranvías movíanse grazas ás mulas e non á electricidade e a presenza destes animais pola cidade deixou tamén pegada na forma de designar algunhas zonas. A rúa de Panadeiras, por exemplo, era coñecida como «a costa da mula» xa que, segundo explica Ignacio Prada, «cuando empezabas la cuesta había que poner una tercera mula. El responsable la colocaba, subía, y luego bajaba de nuevo con el animal. Según cuentan, un día esa persona se despistó y cuando se dio cuenta, la mula ya no estaba en su sitio. Había aprendido a subir y bajar de vuelta a San Andrés ella sola».
Podes consultar na nosa hemeroteca a páxina publicada en La Voz de Galicia en 1902.
Desta época é o logotipo que aínda simboliza hoxe a Compañía de Tranvías. Unha C e unha T que representan en realidade as orixes gandeiras da empresa, coa C como unha ferradura e a T como o xugo que se lle colocaba ás mulas para atalas ao vehículo.
«Numerosísimo público presenció complacido el paso de los modernos coches y en algunos puntos, como en Santa Lucía, se les acogió con aplausos y vivas» - Crónica do primeiro tranvía eléctrico da Coruña (1913)
Despois dun breve paso por mans dunha agrupación belga, a Compañía regresou aos empresarios coruñeses que iniciaron a transformación eléctrica. O 2 de outubro de 1913, este xornal publicaba a crónica da primeira viaxe neste tranvía eléctrico: «Cruzaron por sus calles los tranvías eléctricos, llegando sin la menor novedad hasta Monelos. Desde allí hicieron el recorrido hasta frente la casa de La Voz y retornando a la plaza de Mina, regresaron a la cochera. Numerosísimo público presenció complacido el paso de los modernos coches y en algunos puntos, como en Santa Lucía, se les acogió con aplausos y vivas. La satisfacción del vecindario por la excelente mejora fue tan unánime como justificada».
Malia o excelente recibimento, os altos custos derivaron nunha débeda que os emprendedores saldarían vendendo a Compañía a Pedro Barrié de la Maza, propietario do Banco Pastor. O empresario sería presidente desde 1915 ata os anos 60. Paralelamente, Barrié contaba coa empresa Trolebuses Coruña - Carballo, que funcionou desde o 23 de febreiro de 1950 ata o 15 de marzo de 1971. Nos anos 50, cos seus 34 quilómetros, esta era a liña máis longa de Europa segundo apunta Ignacio Prada. Ademais, tamén foi pioneira en España, sendo a primeira liña eléctrica deste tipo de transporte.
De volta na Coruña, no ano 1965 Pedro Barrié de la Maza vendeu a Compañía de Tranvías. Esta foi a chegada da familia Prada á empresa, cando Isaac Prada (que xa tiña experiencia con autobuses turísticos na cidade) se fixo xunto con outros empresarios coa súa propiedade. Agora, Ignacio Prada (terceira xeración) é quen está aos mandos da compañía.
Cando a Compañía de Tranvías deixou de ter tranvías
O aillamento do país a raíz da Guerra Civil e a II Guerra Mundial precipitara a aposta polo trolebús nos anos 40. Estes vehículos estreáronse na cidade en 1948, cunha ruta desde a praza de Pontevedra ata Monelos e, pouco a pouco, acabarían desbancando aos tranvías. En 1962 retirouse o último deles na Coruña, nun momento no que o trolebús xa era completo protagonista nas estradas coruñesas.
«Se mantuvo el nombre porque ya estaba ligado a la historia de la ciudad»
Con todo, a empresa conservou a dúa denominación orixinal. «Se mantuvo el nombre de Compañía de Tranvías a pesar de no tener ya tranvías porque estaba ya ligado a la historia de la ciudad. Aunque se transformaba por completo la empresa, era la misma compañía que llevaba el transporte público», indica Prada.
Habería que agardar ata 1997 para o regreso dos tranvías co modelo turístico. Este percorría o paseo marítimo desde San Antón ata as cocheras en As Lagoas e estivo operativo ata o 2011.
Os autobuses da Coruña non foron sempre vermellos
Respecto aos autobuses, estes chegaron en 1965 e, por aquel entón, non eran da característica cor vermella. Os primeiros buses da Coruña eran azul claro, pero nos anos 80 mudaron ao vermello, que xa se vía en grandes ciudades europeas como Londres. «Se cambió al rojo porque es un color muy icónico en el transporte público a nivel mundial. Es un color que llama la atención en una ciudad donde hay obstáculos y mucha gente, por lo que también genera más seguridad», explica Prada.
En ocasións especiais, os autobuses da cidade combinan o vermello con bandeiras ou mensaxes nos seus paneis. É o caso de festas como o Nadal ou San Xoán, pero tamén acontecementos deportivos, como os vividos recentemente co R. C. Deportivo e o Leyma Básquet Coruña. «Lo de las banderas en los autobuses comenzó en los años del Súperdepor. Somos una empresa que lleva el nombre de A Coruña en la razón social y eso lo llevamos con orgullo», sinala Prada.
Influencia da Universidade nos 90
Eses buses xa vermellos serían os que nos anos 90 estrearían articulación. «Lo hicimos por la línea universitaria. Antes había cuatro desde distintos puntos y funcionaban en hora punta pero pasando cada 15 minutos. Esto no era suficiente, así que se cambió la red. Lo que hicimos fue crear una sola línea y centralizarla», recorda o director. Así foi tamén como naceu o bonobús, coa idea de realizar os transbordos de maneira gratuita. «Tú podías coger la línea 4 desde el Barrio de las Flores hasta Cuatro Caminos y luego ahí coger la universitaria», exemplifica. Así, a Compañía triplicou o número de viaxeiros e viu a necesidade de poñer en circulación os autobuses articulados.
No momento da creación desta liña, a paixón de José Prada, entón director da Compañía, polo rally da subida á Zapateira fixo que nun primeiro momento esta se bautizara como «especial Zapateira». Ignacio Prada, o seu fillo, explica que «realmente, la Zapateira no está donde está el campus. Está donde se sitúa el Club de Golf y la zona de la Universidade se llamaba El Escorial que es algo que mucha gente no sabe. Sin embargo, como la línea de bus se llamaba así, la gente empezó a decir campus de la Zapateira».
Fai clic aquí para ver máis imaxes históricas do transporte en Galicia no noso portal xachoveu.lavozdegalicia.es.
As túas fotos, en Xa choveu
Tes algunha fotografía cos tranvías, trolebuses ou autobuses da túa cidade? En Xa choveu queremos coñecer as túas historias. Consulta no portal de Xa choveu máis imaxes dos nosos recordos de Galicia e colabora nesta memoria colectiva enviando as túas a través deste formulario.
Os segredos dunha empresa centenaria e familiar
A historia da Compañía de Tranvías de La Coruña foi unha das protagonistas do encontro Líderes que dejan huella, organizado por APD. Nel, Prada expuxo algunhas das claves, como a «la humildad y el diálogo. Entender que el mejor líder es alguien más invisible, porque al final quienes tocan los instrumentos son los empleados». Tamén o saber adaptarse aos cambios: «Tenemos 120 años de antigüedad porque supimos transformarnos con los cambios, de una ciudad de 40.000 habitantes a los casi 300.000 de ahora».