La Voz de Galicia

«O galego está máis vivo que nunca»

Yes

Ángela Barros /  S.F

DESDE AUSTRALIA... Brasil, Polonia, Italia chegan para aprender a nosa lingua. Con eles celebramos a trixésima edición dos cursos «Galegos sen fronteiras» da RAG. E saben colocar ben os pronomes átonos! Se non estades seguros, centos de mozos e mozas poden demostralo. Aceptades o reto?

15 Jul 2017. Actualizado a las 05:10 h.

Mira como veñen cargados de ilusión! E de compañeirismo. Estes mozos e mozas proceden de case calquera recuncho do mundo co gran desexo de levar un anaquiño da terra galega con eles. No seu corazón, a esencia e a presenza da lingua galega -máis cravada que nunca-- , aseméllase a un imán capaz de atraer e xuntar a milleiros de persoas de diferentes culturas. Xaponeses, italianos, brasileiros, australianos, polacos, chilenos... todos eles veñen dispostos a impregnarse das nosas letras. Máis galegas que nunca.

 

HAI UN GALEGO ATA NA LÚA

Falamos dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas «Galego sen fronteiras». Polas súas aulas pasaron máis de 2.600 estudantes, entre eles, moitas das persoas que, hoxe, son referencia nos estudos galegos realizados fóra de Galicia e responsables dos centros de estudos galegos no exterior. Esta actividade, que organiza a Real Academia Galega (RAG), en colaboración co Instituto da Lingua Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, cumpre trinta anos de intenso traballo. Non son poucos os casos de participantes deste programa que afincaron en Galicia, que desenvolven a súa actividade académica en contacto co galego ou que As súas raíces son fortemente da terra. Eles poden demostralo.

Paco e Sandra son un matrimonio australiano que non cambia Galicia por ningures. «Hai 13 anos que volvemos a Santiago e decidimos comprar unha casa para sentírmonos co acougo de non molestar a ninguén», conta Paco cheo de ledicia. Este ano, eles non dubidaron en vir e aprender galego xa que «ao ter familia aquí é unha vergoña non poder falar no mesmo idioma», explican.« Sentir ese agarimo de Galicia faime ter esa morriña cada vez que volvemos a Australia», detallan. É que o amor é capaz de pasar fronteiras. Co seu corazón dividido e con moitos recursos no seu lombo, revelan o seu gran segredo: «Tras facer o curso, imos seguir practicando. Nós lemos La Voz de Galicia - tamén o YES- alí en Australia». E que non importa o lonxe que estean, levan no seu día a día as letras galegas. Que llo digan a Misaki que, xa no 2013, chegou a Santiago para estudar castelán. «Gustoume tanto Galicia que decidín tratala na miña tese, comenta. «Dous anos despois empecei o máster en Xapón de ‘cultura internacional’ e quixen facer algo de sociolingüística, polo que Galicia xa estaba na miña mente», asegura coa cabeza ben alta.

 

A LINGUA É MOI LÍRICA

Éche cousa de empezar e Rachele, filóloga románica, emprendeu unha gran aventura. «Hai 10 anos fixen o meu primeiro curso de galego para estranxeiros, xa que na miña tese de doutoramento, a lírica galega medieval, tiña que ler algo de literatura», describe. «Empecei a colaborar co Centro de Estudos Galegos en Parma pero quixen vir aquí a practicar e mellorar os meus coñecementos da historia galega», aclara. Pasando por Rafael Dieste, Castelao ata Xosé María Díaz Castro, Manuel Antonio... «Na escola traducimos a todo tipo de autores galegos: modernos, medievais, contemporáneos... déixolles elixir. Iso fai sentir aos alumnos a viveza do galego», declara.

Non só é cuestión da lingua, senón que estes mozos disfrutan das cantigas galegas, da súa poesía, de todos os seus brotes que a fan tan particular e tradicional. Marta é de Polonia, da Universidade de Varsovia, e esta é a terceira vez que vén a Galicia. «Estiven aquí no 2014 para facer o curso inicial por curiosidade, xa que non sabía moito e quería descubrir algo novo. Gustoume tanto que, en Varsovia, inscribinme nun curso de galego», comenta. Máis alá dos estudos «interesoume o dialectalismo na música contemporánea galega e investiguei o uso da gheada e o seseo nas cancións modernas». Ses é a súa cantante preferida. «Teño todos os seus discos», desvela. Dende Brasil, acreditando que o galego estaba morto, Sebastião chegou a Santiago e sorprendeuse: «Encontreino máis vivo que nunca», conta entre risos. «É unha lingua moi forte e vibrante e nótase ese orgullo que sentides como galegos», comenta.

Pero onde xorden as barreiras espaciais dunha lingua? É un orgullo saber que as nosas van máis lonxe do que críamos.


Comentar