La Voz de Galicia

Roberto Vilar: «Julio Iglesias aínda lle debe o prato da tortilla á miña nai»

Yes

Ana Abelenda

«A aldea é a universidade da comedia. O humor galego está por enriba da media, e os que temos aldea tamén!», di Roberto Vilar. El non quita os ollos do público, desconfía da xente seria e non se ve con gravata. «Cada vez gústame máis pintar a mona», confesa

02 Nov 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Éun rapaz de aldea, pero ese orgullo seu bota máis risas que peito. Roberto Vilar (Xove, 1971), coa tenrura por dentro e o humor por fóra, ve no campo o mellor campus para graduarse en humor. El sobe os brazos e invita a disparar: «Ti pregunta o que queiras, que eu contesto o que me dea a gana».

-Como se fai para superar en audiencia a «Supervivientes» ou «Cuéntame»? Cal é a túa receita?

-Non sabemos a clave. O que sabemos é como actuamos. Estamos moi atentos ao que entendemos que lle gusta ao espectador. Facemos o que se chama proba-erro. Sacamos unha cousa; que non gusta? Pois outra! Sempre pensamos no espectador. Para iso nos pagan, non?

-Semella moi natural, ou é máis cociñado do que parece?

-Os que saímos na pantalla temos a sorte de que o público, como digo eu, comprounos. Tennos coma un deles. E ti cos teus sempre es un pouco máis xeneroso. Creo que lle caemos ben non a todo o mundo, pero si a moita xente. É o que pasa con Eva Iglesias ou David Perdomo. Ou cando estaba Touri... Cando o público che quere ben, iso facilita o traballo do cómico.

-Doado coma facer unha tortilla... cando a fai túa nai!

-A persoa que fai ben as tortillas é que fai moitas. Como di Tonhito de Poi, isto da comedia ou é fácil ou é imposible.

-Como naceu e medrou o «showman» Vilar?

-Tiven tantas teorías de por que empecei... Non sei, pero cada vez doume máis conta do pouco que me gusta tomar isto de vivir en serio. E a mellor maneira de non tomalo en serio é facer rir. Cada vez teño máis gana de pintar a mona, de dicir estupideces e parvadas, para escapar un pouco da realidade.

-Que é ben cachonda, ou non?

-Si que é. A comedia, como dicía Woody Allen, é drama máis tempo. A desgraza no momento non fai graza, pero se a esa desgraza lle dás tempo acábaslla vendo. Eu empecei no de cómico porque, como non me gustaba estudar nin traballar, pois a pintar a mona. Pero cada vez estou máis convencido de que non me gustaría estar en ningún sitio sen facer o pallaso. Non me gustaría ter un traballo serio, estar nunha oficina, levar unha gravata. Con todos os respectos, eh.

-Pero seguro que hai cousas que non che teñen graza ningunha...

-Non me fai graza a xente que toma as cousas en serio. A que non é capaz de tomar as cousas en broma. En definitiva, a xente que non se relaxa.

-Hoxe parece que nos come o demo.

-Anda a xente moi alterada. Está ben expresarse, pero non sei se viñemos aquí para isto; teño as miñas dúbidas.

-Que che produce desconfianza?

-Esa xente que actúa dándose importancia.

-O presidente da Xunta foi un dos convidados estrela do «Land Rober». É Núñez Feijoo un tipo moi serio?

-Debería ser normal que o presidente dun país vaia a un programa de humor. Xa foron a El hormiguero moitos políticos e presidentes. En Galicia non sería normal que o presidente non viñese a un programa de humor. Para min que viñese Feijoo foi un éxito. Pero foi extraordinario tamén porque foi a primeira vez... A xente seria para gañar a confianza da xente tense que soltar, e Feijoo aquel día intentou mostrar a súa parte de comedia.

-Cal foi a mellor entrevista que fixeches, a que máis che prestou?

-Non me acordo! Pásalo ben sobre todo cando falas con xente que viviu máis ca ti. Nese sentido, escoitar falar a Julio Iglesias faiche aprender. A entrevista de Julio tivo unha cousa moi bonita, que foi como un regalo á miña nai. Nós vimos dunha aldea pequena, o que vivín de pequeno eran andar coas vacas entre o esterco. Nunca nin miña nai nin eu soñamos que iamos estar os dous sentados con Julio Iglesias, falando de ti a ti.

-Conseguiches cumprir o soño grazas a Feijoo...

-Feijoo realmente foi o cebo para que viñese Julio Iglesias. Cando veu Feijoo, díxenlle que había que chamar a Julio e invitalo. E chamamos en directo. Julio comprometeuse a vir. E esta xente que leva tanto vivido cando se compromete a algo faino, que é moi importante.

-Que pasou co prato de tortilla de túa nai que levou Julio?

-A tortilla que miña nai lle levou a Julio Iglesias era unha tortilla moi grande. E ela non tiña un prato tan grande, así que llo pediu a unha veciña... E Julio volveuse tolo coa tortilla, levouna para o avión, e alá foi tamén o prato, para Miami. Espero que un día o recuperemos, porque estou seguro de que Julio Iglesias vai volver ao Land Rober. Seguro.

-Cal é o teu próximo obxectivo?

-Abel Caballero. Calquera persoa que ame a comedia enténdeo.

-Entrevistarías a Santiago Abascal?

-O outro día facíame esa pregunta... Penso que Pablo Motos fíxoo estupendamente, fixo o que tiña que facer e foi o terceiro programa máis visto da historia de El hormiguero. A xente queríao ver. Agora ben, unha televisión pública non é o mesmo que unha privada.

-Que tal Bertín Osborne?

-Bertín Osborne é un mangante! Coñézoo hai moitos anos, e ultimamente está como revolucionado, e non sei por que. Pero que nos importa a opinión de Bertín Osborne sobre Cataluña ou Venezuela? O que ocorre é que case todo nesta vida é un negocio, e se hai cousas que non entendes é porque alguén gaña cartos.

-Falaches con Isabel Pantoja antes do momento estelar de «Supervivientes». Como fixeches?

-Basicamente porque Kiko Rivera tennos moito cariño, porque o tratamos ben. Foi un regalo, sobre todo para Eva Iglesias, que é fan da Pantoja.

-Momentazo co cartel de «Querémoste, Eva!». Como se vos ocorreu poñer un cun «Gayoso, retírate»?

-Tes que conseguir que o Land Rober sexa non un programa de televisión, senón un evento. Poñer un cartel de 16 metros que poña «Gayoso, retírate» é unha maneira de chamar a atención, con el diante, claro. Gayoso encarna perfectamente o que é ter sentido do humor. Mira, un día presentáronme a Rajoy, non sei a conto de que... e o primeiro que me dixo foi: «Roberto, la comedia es lo más importante que hay». Chamoume a atención. A comedia é a que nos salva das desgrazas, que van vir. As desgrazas van vir seguro, así que a única defensa que che vai quedar cando veñan é familia e comedia. Non hai máis. Son os salvavidas.

-Mordiches algunha vez a lingua?

-Moitas veces. Eu son un tolo, ocórrenseme moitas cousas que non se deben dicir, mordo a lingua unha vez cada vinte minutos! Hoxe a xente oféndese máis por todo, hai moitos chistes que me gustaría facer e non fago, debo comer uns dez cada programa. Pero non é unha catástrofe.

-O humor galego está, dis, por enriba da media.

-Si, e iso sábeo toda Galicia e toda España. Cando falo con Berto Romero, Buenafuente ou Dani Mateo vexo que o teñen claro. Os propios Les Luthiers, os grandes mestres do humor do século XX, tamén dicían que Galicia tiña algo diferente. En España hai sentido do chiste; en Galicia, un sentido do humor en sentido amplo, o que pasa é que imos coa cara seria. Tamén creo que estamos por enriba da media os galegos que temos aldea. A aldea digamos que é a universidade da comedia.

-A Julio Iglesias puxécheslle palabras como «Galicia» para preguntarlle que lle evocan. Se che falo de Galicia, que é o que che vén á cabeza?

-Galicia é a gran palabra. Cando dis Galicia sei que estás falando de min. Nótoo na pel. Identifícome. Pásame algo parecido a cando vin á miña filla por primeira vez. Cando a vin, vinme curiosamente nela, vin nela unha parte de min.


Comentar